Do 29 abril ao 2 de maio

Os relatorios históricos e culturais do viño Ribeiro, a debate

[imaxe: cedida] Viñedos de casal de Armán

Ribadavia, Cenlle e Leiro son os emprazamentos onde diversos profesonais explicarán a relación do viño do Ribeiro con outros elementos culturais e históricos galegos. Esta actividade enmárcase dentro da LVI Feira do Viño Ribeiro. 

A comarca do Ribeiro está formada por perto de 2.500 hectáreas dedicadas ao cultivo do viño homónimo. Como cada ano, entre finais de abril e comezos de maio, realízase a Feira do Viño en Ribadavia, un dos municipios que a conforman.

 

Como prólogo a esta homenaxe vitivinícola, en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, os días previos desenvolverase unha serie de relatorios no propio concello e nas localidades veciñas de Leiro e Cenlle.

 

O obxectivo destas xornadas, que comezarán o 29 de abril e que se prolongarán até o 2 de maio, é dar a coñecer o mundo do viño na Galiza ao longo dos tempos. Máis polo miúdo, a súa finalidade é a de relacionar o Ribeiro con elementos históricos, xeográficos, culturais e etnolóxicos.

 

Os relatorios seguirán todos a mesma dinámica. Comezarán ás 19 da tarde e as persoas convidadas falarán durante aproximadamente unha hora. De seguido o público asistente poderá formular as súas inquedanzas respecto ao tema tratado. Expostas as cuestión ao poñente, para rematar a xornada visitaranse algúns lugares de interese relacionados.

 

“Cando o viño canta nas fontes de Clio” é a primeira das conversas organizadas. Realizarase o vindeiro día 29 no Museo Etnolóxico de Ribadavia. O director do arquivo histórico provincial de Ourense, Pablo Sánchez, será o relator da xornada. Ao finalizar visitarase o conxunto histórico “As chaves do viño”.

 

Ao día seguinte, no IES do Ribeiro, terá lugar "O viño e o Camiño de Santiago". O doutor en historia da Arte, Francisco Singul Lorenzo, explicará a relación entre ambos elementos e, ao rematar, acudirase á Casa da Coenga-Granxa do Cabido da catedral de Santiago de Compostela.

 

Coa chegada de maio, os relatorios abandonarán o municipio. O día 1 o Mosteiro de San Clodio, en Leiro, albergará a charla “Viño tinto ou viño branco. As entradas de viño nas granxas monacais”, que impartirá a doutora en historia Isolina Rionegro Fariña.

 

Pola súa parte, Pazos de Hermos, en Cenlle, é o emprazamento escollido para finalizar as xornadas. O día 2, o arqueólogo Manuel García Valdeiras conversará sobre “lagares de pedra, a tradición vitivinícola na Galiza” antes de visitar o lagar de Peiteiros-Cima de Aldea.

 

Un viño secular

 

O cultivo do viño Ribeiro é unha tradición antiguísima. A pesar de que non se sabe con exactitude cando comezou esta práctica, si existe a constancia de que no século II xa se colleitaban os viñedos da comarca.

 

A chegada do Renacemento supuxo a súa expansión comercial e o comezo do seu renome. Unha fama que continúa na actualidade e á que contribúe a Denominación de Orixe outorgada en 1932.