Ánxela Loureiro, escritora

“O relato dos sucesos de 1972 minimizou o papel das mulleres”

[Imaxe: cedida] Ánxela Loureiro

A escritora Ánxela Loureiro (Ferrol, 1956), autora de diversos títulos de literatura infantil e xuvenil, leva meses embarcada nun proxecto diferente: a investigación sobre as actividades políticas que realizaron as mulleres da bisbarra de Ferrol nos últimos anos do franquismo. Eis un extracto da conversa publicada no número 302 de Sermos Galiza.

Que foi o que máis lle impactou daqueles días de marzo de 1972?

Realmente o que me impactou foi estar presente na manifestación o día 10. Eu viña de facer 16 anos e xamais se me borrou ese día nin os seguintes, pois para min foi como principiar unha nova vida. Xa nada volvería ser igual para min. Fun testemuña dunha barbarie aquel día e moitos días máis porque despois daquilo veu a represión, viñeron as detencións, os rexistros, as visitas ao cárcere, as continuas idas para falar con autoridades, a tristura familiar, as miradas dalgúns veciños, as listas negras... Das mulleres que entrevistei ségueme impactando a súa valentía para ser capaces de soportar tanta adversidade e manter o bo humor, e a súa xenerosidade ao perdoar tanta xente que lles fixo dano, que as humillou e que as criticou. Algo que me gusta destacar é que a maioría delas seguen loitando por unha sociedade máis xusta. É frecuente velas nas manifestacións en defensa da igualdade, por unhas pensións xustas, ou por calquera dereito humano.

 

Foi doado recuperar material para a elaboración do libro?

 

O traballo é complicado porque os medios de comunicación da época non informaban da maioría das actividades ou redactábanse dun xeito moi impreciso ou con comentarios manipulados pola censura; a propaganda ilegal destruíase para evitar que a atopase a policía; non se sacaban fotos para que ninguén quedase identificado e mesmo se coñecía a xente con nomes que non eran os propios. Aínda así van aparecendo dados, recortes ou algunha imaxe, pero sobre todo teño os relatos orais, que teñen moita valía.

 

Cantas delas foron procesadas e que delitos se lles imputaban?

 

No 72 houbo unhas sete ou oito mulleres que pasaron por comisaría, pero no cárcere estiveron catro: Rosario Alabau, Josefina Varela, Manuela Valcárcel (Mela) e Victoria Díaz. As acusacións van desde a participación en manifestación até feches de comercios ou pertencer ao Partido Comunista. As catro foron procesadas.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]