O relato de Merce, vítima de acoso escolar: "Por favor, que non teña que ir ao colexio"

Merce González (de costas), en Compostela, durante a entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario)
En 2024 activáronse na Galiza máis de 600 protocolos contra o 'bullying'; 75 chegaron á Fiscalía

Cando Merce González cursaba 4º de Primaria na súa cabeza resoaban todas as mañás as mesmas palabras: “Por favor, que hoxe non teña que ir á escola”. Merce non quería ir ao colexio. E non quería facelo porque todos os días baixaba chorando do autobús. E todos os días a súa avoa lle preguntaba o mesmo: “Que é o que che pasa, Merce? Por que choras?”. “Non me pasa nada, avoa”, respondíalle ela.

As burlas non comezaron con ningún acontecemento concreto, simplemente pasou. Merce González naceu en 2005 e, nada máis ver a luz do exterior despois de nove meses no útero, sufriu complicacións médicas que derivaron nun derrame cerebral que lle afectou a parte esquerda do seu corpo. Non lle quedaron secuelas graves, mais aínda hoxe en día coxea un pouco cando anda. A catro nenas da súa clase debeulles parecer moi gracioso e divertido.

“Foi o mesmo ano do falecemento do meu avó, así que se me xuntou todo”, afirma esta rapaza, hoxe xa adulta, a Nós Diario. Mais ela nunca dixo nada abertamente e en voz alta. “Sabía que ninguén faría nada e que algunhas persoas nin sequera me crerían, estou segura. Por iso non dixen nada nunca, porque pensaba que non serviría”, lamenta.

Neste grupo de catro nenas “había unha que era a líder”, e as demais dicían o mesmo que ela para quedar ben "coa popular da clase”. “O insulto estrela e que máis me repetían era o de coxa, porque sabían que me molestaba”, relata. Ademais, Merce tiña unha mestra, que continúa a dar clase nese mesmo colexio a día de hoxe, que sabía o que lle estaba a pasar. Discriminación, insultos, malas olladas... "Mais non fixo nada. Ela sabía o que pasaba e non facía nada. De feito, dicíame a min que calase. Nunca regañou a ningunha, porque non quería quedar mal cos pais das catro rapazas. Chegoume a dicir nunha ocasión que lle dixese á miña avoa que todos me querían moito na clase", sostén. Para ela, "iso tamén é bullying".

Sufriu acoso durante todo o curso escolar. Foi o seu tío quen finalmente interviu porque, afirma, "desde o colexio non tomaban ningunha represalia", e el enviou unha carta ao Ministerio de Educación, que logo reenviou á dirección do centro. O director, ao recibila, citou a avoa de Merce –coa que mantiña certa amizade– a unha titoría para abordar o asunto, xa cara ao remate do curso. A avoa acudiu de inmediato porque sabía que algo lle estaba a pasar á súa neta. E porque ao mirala baixar do autobús todos os días chorando, mentres a esperaba cun sorriso no rostro para levala a clases particulares e suxeitaba o seu bocadillo, partíalle a alma en anacos.

Desde o centro falaron coas rapazas implicadas no acoso, "mais non houbo consecuencias", critica Merce. “Nunca me cambiaron de aula, nin as castigaron a elas”, apunta. E non se volveu falar do tema: “Tan rápido como se abriu, fechouse”. Esas burlas e ese acoso escolar custáronlle a Merce a necesidade de recibir apoio psicolóxico para poder superar a situación. Un apoio que tivo que buscar pola súa conta coa súa avoa e que lle custou cartos.
 

20% do alumnado galego é vulnerábel ao acoso

Durante o curso 2023-24, último con datos dispoñíbeis, a Xunta da Galiza activou até 686 protocolos de acoso escolar en 374 centros de ensino do país. E entre xaneiro e decembro do pasado ano 75 casos chegaron a mans da Fiscalía. Aliás, un recente informe da Fundación Amigos de Galicia conclúe que un de cada cinco rapaces e rapazas sufriu nalgún momento algún tipo de acoso na contorna escolar. O mesmo documento sinala que 12% do alumnado galego foi vítima dun caso de ciberacoso, unha modalidade que creceu nos últimos tempos da man das redes sociais.

“Quero que a miña historia poida ser contada para que se me escoite, aínda que sexa tantos anos despois, porque esas cousas marcan para sempre”, afirma Merce. “Ademais, penso que dar voz á miña situación pode axudar outras rapazas e rapaces que viven, ou viviron, unha situación semellante”, engade, en conversa con este xornal. Merce González non esquece o que lle fixeron pasar en 4º de Primaria, quedaráselle gravado na mente para sempre. Por sorte, contou co apoio do seu tío e da súa avoa para poder denunciar a situación, pois ela, como tantas outras rapazas vítimas do acoso na súa situación, tiña medo a facelo.