As reivindicacións das traballadoras da CRTVG chegan ao Parlamento no Venres Negro 80

Traballadoras da CRTVG no Venres Negro 80 (Defende a Galega).
Os grupos políticos da oposición criticaron o plan de cobertura da CRTVG para a campaña electoral do 10-N durante a comisión de control da Corporación no Parlamento de Galiza. Piden mellorar as condicións laborais das traballadoras e, como servizo público, respectar os dereitos da cidadanía.

«Hai nove anos do peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña». É un dos lemas que o movemento Defende a Galega escolleu para celebrar o seu 80 Venres Negro en defensa da radio e da televisión públicas e do «cumprimento íntegro da Lei de Medios», tamén de aniversario.

Hai oito anos da aprobación da norma e moitos dos seus mandatos non pasaron do papel. As traballadoras non ceden ante a pasividade da dirección da CRTVG e o incumprimento de compromisos básicos como a creación dun consello de informativos.

Cobertura do 10-N

O 80 Venres Negro coincidiu cunha nova sesión de control do ente público, onde os partidos da oposición amosaron o seu descontento co plan de cobertura da campaña electoral do 10-N. O BNG expuxo criticou a escolla horaria da TVG para a emisión do único debate electoral dos comicios. Foi, segundo afirmou a viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil, unha decisión «imposta» nun intento claro de «furtar» o dereito da cidadanía a ter acceso á información das diferentes opcións políticas e de reducir ao mínimo a difusión do debate.

Neste sentido, subliñou, que «os debates non son un dereito das forzas políticas senón un dereito da cidadanía», máxime cando se trata dos medios públicos.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificou a actuación do ente e remarcou que se «axustou a dereito» á vista do perfil de campaña de só dez días de duración, tal como recolle a Lei en caso de repetición dos comicios. E engadiu que nunhas eleccións xerais «a xente quere escoitar os grandes líderes» estatais.

A Radio Galega, demantelada

Pola súa banda, o Grupo Común da Esquerda expuxo o informe elaborado polas traballadoras da Radio Galega que, ademais de describir as súas condicións de traballo, que apunta cara o desmantelamento deliberado da emisora.

As traballadoras da Radio Galega denuncian a progresiva desaparición da información local, as condicións laborais da sección de Deportes e a organización caótica do departamento de Informativos.

Xan Xove referiuse tamén á deterioración da calidade do servizo derivada das circunstancias exhibidas polas traballadoras no seu escrito. Neste sentido sinalou a progresiva desaparición da información local, a falta de medios e de técnicos nas delegacións locais; e destacou varias denuncias recollidas no informe que poñen o foco nas condicións laborais da sección de Deportes e na organización do departamento de Informativos.

No caso de Deportes, Xove remarcou que se «recorre de xeito excesivo a colaboradores en detrimento do persoal fixo, non se respectan as doce horas de descanso entre xornadas laborais, sobre todo cando hai desprazamentos, e non se están a cubrir as prazas de persoal xubilado e prexubilado».

A respecto dos informativos, explicou, as traballadoras denuncian unha organización caótica, o privilexio á información política que provén de fóra da Galiza e o tratamento favorábel cara o PPdeG.

Neste sentido, o deputado do Grupo Común da Esquerda instou a Sánchez a «escoitar as reivindicacións das traballadoras, porque teñen a intención de mellorar a calidade dos contidos da Radio Galega» co fin de devolverlle a esta emisora e a toda a Corporación o servizo público de calidade que teñen comprometido coa cidadanía galega.

Defende a Galega

O colectivo de traballadoras e traballadores da CRTVG en defensa da televisión e da radio públicas organiza a vindeira terza feira, 3 de decembro, unha conversa con representantes dos distintos grupos políticos do Parlamento galego sobre a situación dos medios públicos, baixo o título Medios públicos e calidade democrática. A cita, moderada por Luís Álvarez Pousa, terá lugar ás 19.30 horas no Museo das Peregrinacións de Compostela.