As reivindicacións das mulleres marcan a axenda institucional

Acto onte no Concello de Moaña con participación de alumando. (Foto: Nós Diario)

Os Concellos galegos conmemoran cunha ampla programación o 8-M

Os actos conmemorativos do Dia Internacional das Mulleres Traballadoras marcaron onte a axenda institucional. Entre os actos, destacaron  o do Concello de Compostela, que acolleu a lectura dun manifesto onde se recolle a declaración institucional aprobada pola institución para esa data.

O texto, apoiado por toda a Corporación, destaca as “moitas as conquistas, impulsadas desde o movemento feminista, que nos levan á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas".

Noutra cidade, a de Pontevedra, o Concello conmemorou a data baixo o lema de "Ábrelle as portas ao feminismo!" e programou unha sesión musical a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ para ambientar as horas previas á manifestación feminista.

En Bergantiños, o Goberno local de Carballo, que defende un traballo a prol da igualdade "transversal e continuado", convidou a veciñanza a pór o foco na igualdade a través dun programa de concienciación social con actividades pensadas para a infancia, a mocidade, as familias, as persoas adultas e as profesionais.

No Barbanza tamén se reivindicou esta data. O Concello de Ribeira, por exemplo, homenaxeou as mulleres das artes nun acto en que participaron a escultora Soledad Penalta e a escritora Patricia Torrado.

Noutra península, a do Morrazo,  o acto institucional de Moaña contou coa lectura dun manifesto e a actuación do Coro do IES Plurilingüe A Paralaia. A programación completouse cun "Regueifa Tour" a cargo das Regueifeiras da Semente e cunha mesa redonda titulada "Maternidades", con Inma López, Celia Durán e Sara Vila.

No interior, o 8-M estivo presente en numerosos concellos, como o de Allariz, onde o Goberno local presentou o "Manifesto institucional pola igualdade", seguido dunha concentración convocada polo Consistorio.

O Concello de Arzúa reivindicou o Día Internacional das Mulleres Traballadoras cunha programación cuxo centro foi a inauguración do mural elaborado pola recoñecida ilustradora e muralista Lidia Cao.