Un reinicio de curso na Galiza con 13.000 baixas

(Foto: Arxina)
As baixas no profesorado, as incertezas e dúbidas nas familias e a ausencia de miles de alumnos protagonizaron este 10 de xaneiro o reinicio do curso escolar na Galiza. O retorno veu marcado  tanto polo virus que condiciona as vidas desde 2020 como polos recortes educativos desta década. 

Non eran aínda as once da mañá e o número de baixas pola Covid entre o profesorado na primeira xornada abeiraba as 350, case o duplo das que anunciara a Consellaría de Educación a sexta feira, cando falaba de 200. A propia Xunta falaba, ás 14 horas, de 800 baixas de docentes entre o total de 13.000 ao contar con alumnado e persoal de servizo.  O número pode parecer insignificante nun cadro de persoal de máis de 30.000 profesionais mais, como indican sindicatos e Anpas, non o é. 

"A Consellaría leva desde a sexta feira chamando xente", indica a Nós Diario o secretario nacional de CIG-Ensino, sindicato maioritario, Suso Bermello, "mais como o ritmo siga así e coas corentenas, etc... non hai capacidade para cubrir as baixas".

Efecto "recortes"

A situación actual hai que entendela, indica Bermello e tamén o apunta Fernando Lacaci, da Confederación de Anpas Galegas; non só polo impacto da Covid senón por como este chega nun escenario marcado polos recortes aplicados sobre o ensino durante todos estes anos.

"Temos menos preocupación sanitaria que educativa", indica o representante do colectivo de nais e pais: "Os centros de ensino non son máis inseguros que outros escenarios en canto a se contaxiar", explica, "mais o que nos preocupa é como vai ser o ensino coa falta de profesorado e para o alumno contaxiado que teña que facer corentena".

Unha preocupación que é partillada por nais e pais de alumnos, sobre todo de Infantil e Primaria. "Se a miña filla dá positivo ten que ficar na casa e alguén ten que ficar con ela, claro.  Mais o preocupante é que vai pasar con ela eses días a nivel educativo. Vai asistir virtualmente á aula? Se non é así vai o profesor conectarse con ela  fóra do horario? Que seguimento vai haber?", pregúntase Helena Muñiz, cuxa filla estuda nun colexio público de Santiago.

Esa mesma preocupación formúlase desde Anpas Galegas. "No confinamento xa ficou demostrado que o sistema non está preparado para o ensino non presencial", afirma Lacaci, que incide na falla de profesorado como unha eiva estrutural no ensino estes anos. Nada, por outra parte, que non leven denunciando sindicatos e colectivos de defensa do ensino público estes anos. 

"Ministerio e Consellaría, cada quen coa súa responsabilidade,   querían que este fose un curso educativo 'de transición' cara á "normalidade", e iso significa volver ter menos profesorado", afirma Suso Bermello.

Nesa liña, Lacaci mostra pouca confianza en que se cumpran as promesas da Consellaría de substituír o profesorado de baixa pola Covid: "Esta mesma Consellaría que di agora iso é a mesma que no mes de decembro non cubría as baixas que había e mesmo dicía que non era posíbel cubrilas automaticamente".

Bermello amplía o argumento: "A política desta Xunta é desde hai anos non cubrir as baixas cada vez que se está perto dunha parada lectiva, quer nadal, quer verán... E en decembro fixo iso".

Contaxios

O primeiro trimestre finalizou no ensino non universitario con 185 aulas fechadas e 2.200 casos activos no alumnado.  O reinicio multiplica por catro eses datos de contaxiados, até os 13.000 desta segunda feira.

O conselleiro, Román Rodríguez, volveu garantir que as baixas no profesorado cubriranse ("de 800 baixas xa cubrimos 700", dixo) e destacou a importancia da presencialidade.

"A presencialidade nunca estivo en cuestión!", aponta o secretario nacional da CIG-Ensino, "Ese non é o debate, non se cuestionou en xaneiro de 2021 non se vai cuestionar agora. O debate é como vai ser esa presencialidade".