Reigosa expón que a comunidade de Twitch en galego segue medrando

Reigosa: “As redes sociais son un moi bo lugar onde loitar contra os prexuízos do galego”

Agostiño Reigosa é creador de contido en galego na plataforma Twitch. (Foto: Nós Diario)
Agostiño Reigosa, creador de contido en Twitch, entre outras plataformas, é o impulsor da comunidade de "Twitch en galego" mediante a súa conta de Twitter co mesmo nome. Reigosa expón que o pasado setembro a comunidade presentou unha petición para que a plataforma de Twitch inclúa o galego nos filtros de busca. Ademais, Reigosa fala da importancia de ter referencias galegas en calquera ámbito, tamén en Twitch, para normalizar a situación da lingua.

Avante Pouca

En que consiste Twitch en galego?

Twitch en galego é unha comunidade de creadores de contido que empregan a nosa lingua nesta plataforma de vídeo. Esta comunidade naceu dunha conta de Twitter que creei en agosto cando me decatei de que había bastantes persoas que creaban contido en Twitch en galego pero que eran moi difíciles de localizar. Desta forma, a conta de Twitter serve para dar a coñecer outras canles galegas e impulsar a creación dunha comunidade. Funcionou moi ben e, aínda que non sexamos moitos, o Twitch en galego segue a medrar. Debemos romper as barreiras da nosa lingua reafirmando o seu uso en calquera ámbito da nosa vida, tamén nas redes sociais. Queremos conseguir que o emprego do galego nestas plataformas sexa algo normal e habitual.

O obxectivo desta comunidade é a reivindicación do galego?

Por unha parte si. Buscamos a súa normalización dando a coñecer contidos en galego. Pero, ademais, o obxectivo de Twitch en galego é a creación dunha petición, que comezamos desde a comunidade en setembro, para que a plataforma inclúa o galego dentro dos filtros de busca por idioma. Neste momento Twitch non sabe que existe a nosa lingua. Reivindicamos a posibilidade de poder buscar contido en galego da mesma forma que o podemos buscar en castelán ou en inglés. Por todo isto, estamos a recoller sinaturas que apoien a nosa petición. Tanto a comunidade catalá como a vasca xa o conseguiron. Nós levamos 600 sinaturas e precisamos chegar ás 2.800. Imos amodiño pero eu penso que chegaremos ao noso obxectivo, aínda que sexa a longo prazo.

Avante Media 

Que actividades está a levar a cabo a comunidade de Twitch en galego? 

Cando naceu a comunidade comezamos a levar a cabo diferentes actividades en conxunto para animar outras persoas a unírense. Recentemente fixemos unha gala a raíz da estrea do videoxogo Grelo, un can que corre en carreiras. Ocorréusenos crear un ránking universal ao que invitamos moita xente a participar enviando os metros que lograban correr co can Grelo. Unha vez todos os participantes mandaron as súas carreiras, eliximos o gañador ou gañadora na gala celebrada por Twitch. Era a primeira actividade da comunidade e foi realmente divertida. Gustou moito, tanto a nós como aos creadores do xogo. Agora seguimos pensando en novos proxectos similares para intentar que a comunidade medre. Xa nos comentaron de crear algo parecido ao concurso Youtubeir@s para Twitch, e sería xenial pero levamos tres meses escasos coa comunidade e, aínda que tivo moi boa acollida, é moi recente. Quizais dentro dun ano si poidamos aspirar a algo similar, oxalá.

Avante Toda

Como imaxina que será o futuro do galego nas redes sociais?  

Véxoo complicado. Ao final, as redes sociais son un reflexo da realidade, e a situación é moi difícil. Por iso penso que todas as iniciativas a prol da lingua teñen unha enorme importancia, como a comunidade de Twitch en galego. Con todo, coido que a presenza da lingua galega aumentará nestes ámbitos, e máis se existen referentes que a empregan nos seus contidos. É moi importante ter referencias en calquera ámbito para normalizar a situación do galego e que a xente entenda que é totalmente válido para todo tipo de contidos. Hai moitas persoas que comezan unha canle de Twitch en castelán por medo a non ter espectadores. Pero iso non é así, hai un gran público na Galiza que as está a esperar cos brazos abertos, e tamén en Portugal ou mesmo no Brasil. Existen moitos prexuízos arredor da lingua e penso que as redes sociais son un moi bo lugar para comezar a loitar contra eles.