O rei emérito volve á Galiza para participar noutra regata

O rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' en Sanxenxo (Foto: José Oliva).
Juan Carlos I xa está na localidade de Sanxenxo (O Salnés) para participar na segunda regata da clase 6metros que decorre esta fin de semana.

Juan Carlos I xa está na localidade de Sanxenxo (O Salnés) para participar na segunda regata da clase 6metros que decorre esta fin de semana. Minutos despois das 12 horas desta cuarta feira o rei emérito chegou ao aeroporto de Peinador, en Vigo, nun voo procedente de Xenebra e a pé de pista, como xa é habitual, recibiuno o seu amigo e anfitrión Pedro Campos.

Tras máis de media hora en coche, o pai de Felipe VI recalou en Nanín, zona na que Pedro Campos ten a súa casa, e, sentado no asento do copiloto e coa fiestra subida, saudou aos medios que alí o esperaban.

Esta é a segunda visita do rei emérito á Galiza no que vai de ano e a terceira ao Estado español, xa que a pasada semana estivo en Madrid para asistir á voda do alcade desta cidade, José Luis Martínez-Almeida, así como ao funeral do seu sobriño e fillo menor da infanta Pilar, Fernando Gómez-Acebo.

Regata da fin de semana

Segundo informou o Real Club Náutico de Sanxenxo, a primeira xornada da regata desta fin de semana será o sábado a partir das 13 horas e o domingo ás 12.30 horas. Esta será a última serie do formato de dous días xa que, a partir de maio, as series serán de tres días.

A liga Española desta clase de veleiros consta de oitos series entre marzo e novembro. Así, segundo fontes da contorna de Juan Carlos I, o rei emérito, de ser posíbel, quere participar en todas as regatas, polo que se prevé que realice máis viaxes á Galiza.