ASOCIACIóN VECIñAL O CRUCEIRO DE MEHá

"O de Reganosa é un acto de corrupción"

[Asociación Veciños O Cruceiro de Mehá]

Desde a parte denunciante reciben a sentenza que anula a autorización previa concendida á gaseira con ledicia mais tamén con "cautela" pois, afirman á espera de facer unha valoración técnica do texto, "fican flecos pendentes que poderían ser usados como truque" para se manter en Mugardos. 

"Após 16 anos a loitar esta [sentenza] déixanos unha sensación distinta", afirma en conversa con Sermos Galiza Luz María Torrente, presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro de Mehá, parte denunciante da autorización concendida á planta de Reganosa en Mugardos que vén de tombar o Tribunal Supremo

"Di que poden solicitar de novo" a autorización o que lles fai pensar nunha posíbel mudanza lexislativa a medida dos intereses da empresa

"Cada sentenza era unha nova ilusión" afirma a respeito dos conflitos xudiciais gañados nos últimos anos pola veciñanza. Porén, coa feita pública esta segunda feira pola que se declara ilegal a autorización previa concedida á gaseira senten unha mestura entre "euforia" e "cautela". 

Sentimentos enfrontados por mor dos "flecos" asegura que contén o propio texto, á espera, no entanto, de que esta tarde avalíen nunha xuntanza co persoal técnico e letrados o contido do ditame. "Di que poden solicitar de novo" a autorización o que lles fai pensar nunha posíbel mudanza lexislativa a medida dos intereses da empresa para que Reganosa se manteña onde está. De maneira semellante ao que aconteceu coa modificación da Lei de Costas que permitiu a concesión dunha prórroga a ENCE por 60 anos máis.

Corrupción

"Isto é un caso un caso de corrupción, o máis grande da Galiza xunto co de ENCE", apunta Luz María Torrente. "Sempre teñen un truque ao que se agarrar". De facto, subliña, a "man dereita" do director xerente de Reganosa "xa está en Madrid" para solucionar o problema. "Iso fainos ter cautela", asegura. Neste senso, Luz María Torrente lembra as declaracións de Alberto Núñez Feijóo a respeito dunha sentenza anterior. "Dixo que era fácil facer un encaixe de bolillos" que permitise o seu mantemento para o que se aplicou unha modificación lexislativa que atinxiu a "recalificación" do chan no que se asenta permitindo o seu uso. "Iso é un acto de corrupción", insiste. "Pelexaremos con máis forza se isto é así" porque "é un caramelo envelenado". 

"Esta é a previa, as outras dúas caerán polo seu propio peso"

Así as cousas, amósanse "moi contentos" pola decisión adoptada polo Tribunal Supremo que abre a porta á anulación das "outras dúas autorizacións que temos denunciadas". "Esta é a previa, as outras dúas caerán polo seu propio peso", subliña. 

Porén, desde o colectivo veciñal amosan as súas reticencias polo feito de non se apuntaren responsabilidades cara ás persoas que asinaron esas autorizacións. "Agora tiñan que ter consecuencias para as persoas que asinaron isto", di, "teñen que emendar o mal feito e responsabilizarse", acrecenta. Quer da administración española, quer da Xunta e do propio concello, sinala. 

O obxectivo, no entanto, é "que retiren" a planta de Reganosa da súa localización "e a leven onde queiran", afirma. Ora ben, asegura que cumpriría en todo caso "un estudo" sobre a súa utilidade pois "viuse ás claras que está a funcionar cun rendemento mínimo".