CONCHA RODRíGUEZ, PSICóLOGA

"A reforma do aborto é unha cuestión de moral relixiosa feita lei"

Concha Rodríguez [Imaxe cedida]

Avaliamos o anteproxecto de lei deseñado polo goberno español con Concha Rodríguez, responsábel da área de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza após o comunicado no que exixen a retirada da reforma. 

 

Concha Rodríguez é psicóloga e integrante do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza. Este colectivo publicou a pasada semana un duro comunicado no que exixen a retirada do anteproxecto de lei de reforma do aborto por consideraren a nova norma un "retroceso" nos dereitos adquiridos polas mulleres. Aliás, afirman que a súa aprobación porá en "risco" a saúde das mulleres ás obrigaren a ser nais cando non queren selo. "Calquera sometemento a facer algo en contra da súa vontade ten graves prexuízos", sinala Rodríguez. 

O Colexio Oficial de Psicoloxía emitiu un comunicado moi duro a respeito do anteproxecto de lei de reforma do aborto. Cal é a vosa postura, neste senso?
É de absoluto rexeitamento. Cremos que a estas alturas do século XXI, roubar os dereitos adquiridos polas mulleres con longas loitas, é absolutamente rexeitábel. Representa un retroceso na igualdade e liberdade pois as mulleres pasarán a non ter dereito a decidir sobre un embarazo non desexado. Terán que recibir permiso para o interromperen na maior parte das circunstancias. Neste senso, desde o noso Colexio consideramos que é inapropiado, inaceptábel e só se pode entender como unha cuestión de moral relixiosa feita lei. O anteproxecto concede liberdade e dereitos ás mulleres que están en contra do aborto. Ninguén as obriga a abortar mais si limita a aquelas que queiran facelo. 

" O anteproxecto concede liberdade e dereitos ás mulleres que están en contra do aborto"

No comunicado asegurades mesmo que pon en risco a vida das mulleres a repenalización do aborto...
Desde logo que porá en risco a vida das mulleres porque non se vai decidir se van abortar ou non. Sempre o fixeron. Se o anteproxecto de reforma chega a aprobarse determinará en que condicións van abortar as mulleres e cales poderán facelo. As de clase social alta farano marchando ao estranxeiro e pagando unha clínica privada. En troca, as mulleres que non teñan recursos farano en condicións pésimas e de risco para a súa saúde, mesmo mental, por pensaren que están a facer algo mal, con todo o que iso significa e representa. 

Un dos supostos que restrinxe o anteproxecto é o de danos ou prexuízos psicolóxicos para a nai. Como pode afectar un embarazo non desexado a unha muller?
Aféctalle como a unha que estea feliz co seu embarazo e a obrigan a abortar. É dicir, calquera sometemento a facer algo en contra da súa vontade ten graves prexuízos para a súa saúde. As mulleres que queiran abortar e non poidan facelo teñen un risco moi alto de padeceren consecuencias no seu estado emocional. 

"Coa lei de 1985 o 97% das mulleres acollíanse ao suposto de graves prexuízos psicolóxicos para a nai, a partir de 2010 só un 7,3% delas o fan"

Alongar o tempo, como acontece co anteproxecto de lei, desde que se adopta a decisión de abortar e se leva á práctica, tamén supón un prexuízo?
Téñoo dito nalgunha ocasión. Desde o meu punto de vista, persoal, é coma unha carreira de obstáculos para ver se non chegas á meta. Trátase de alongar o proceso no tempo para ver se, con presións, unha muller pode cambiar de idea. Aliás, isto supón someter ás mulleres a unha experiencia que atinxe as súas vidas cando elas non queren. Antes falabas do risco para a saúde mental. Coa lei de 1985 o 97% das mulleres acollíanse ao suposto de graves prexuízos psicolóxicos para a nai, a partir de 2010 só un 7,3% delas o fan. Por que? Porque asumen absolutamente o que van facer e fican libres de seren estigmatizadas pola idea de seren unhas enfermas mentais, de que se lles permite abortar por seren incapaces.  

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía exixides a retirada do anteproxecto de lei de reforma. Como profesional, cal ou cales son as medidas que deberían adoptarse en materia de saúde sexual e reprodutiva?
Para comezar deberían deixar de desmantelar os servizos de educación social pois as mulleres pasan a estar desprotexidas fronte á embarazos non desexados ou mesmo os métodos anticonceptivos. Doutra banda, garantir que na sanidade pública estivesen ao dispor os medios precisos para que unha muller poida tratar calquera tema sobre a súa sexualidade. E, despois, aborto libre e gratuíto na sanidade pública da mesma maneira que calquera persoa cando ten un problema de saúde e o queren resolver. É así de simple pois, na práctica, todas as mulleres abortan mais as condicións en que o fan non teñen a ver entre unhas e outras. 

Os círculos máis próximos a Moncloa din que finalmente non se aprobará a nova lei, que ficará gardada nun caixón...
Coido que non se aprobará. É unha lei anti-popular, pois as persoas non permanecen cos ollos vendados durante todo o tempo. Gardarana mais tamén é unha grande hipocrisía. Botan contas e como, pola presión social, lle pasa factura nos resultados electorais, non a aproban, o cal é aínda máis inmoral.