Os refachos de vento deixan 200 incidencias na Galiza

Unha persoa sacando fotos as ondas do mar. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os refachos de vento e as fortes precipitacións por mor da borrasca "Hortensia" deixan no país unhas 200 incidencias.

O temporal deixa na Galiza grandes refachos de vento e centos de incidencias ao seu paso. A borrasca Hortensia superou os 110 quilómetros por hora durante a madrugada da sexta feira tanto en puntos da costa como no interior do país, segundo os medidores de Meteogalicia. O refacho máximo rexistrouse en Xares, no concello da Veiga, con 139,2 quilómetros por hora, seguidos polos 134 alcanzados en Cabeza de Manzaneda. 

Acompañados de fortes precipitacións, os ventos produciron unhas 200 incidencias, a maioría relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas. No suroeste da Galiza producíronse 133 incidentes, sendo o territorio máis afectado polo temporal. 

O Centro Integrado de Atención de Emerxencias (CIAE) 112 da Galiza notificou que 85 dos avisos xestionados foron por caídas de árbores e pólas que afectaron as vías de circulación e destacan os catro cortes en distintos puntos da autovía A-55, debido a troncos que caeron na estrada. 

No concello de Soutomaior varios vehículos sufriron danos debido á caída de tellas provocada polos fortes ventos, que tamén levantaron un tellado de uralita en Redondela ou mesmo un panel de obra que tirou parte dun muro dunha casa en Tomiño. 

Ademais do vento, a choiva tamén deixou incidencias que afectaron a fogares e estradas que se anegaron. O CIAE 112 resaltou o acontecido no concello de Padrón, onde os efectivos de Protección Civil tiveron que cortar a pista local que une Cambelas con Lamego polo aumento do río Sar. 

Dúas decenas de incidencias en Vigo

A cidade de Vigo sufriu boa parte das incidencias durante a pasada madrugada da sexta feira, cun total de 23, que provocaron diversos danos materiais. Na zona de Jenaro de la Fuente produciuse a caída dunha antena e tamén de chapas dos tellados de tres edificios na rúa Camelias.

Os bombeiros tiveron que desprazarse até a rúa Pinor Colmeiro tras a alerta polo desprendemento dun toldo nunha panadaría, que comezara a bater na cristaleira exterior do local. 

Ademais, unha árbore caeu sobre os cables eléctricos na parroquia de Zamáns e un poste caeu na estrada da Madroa.