Refachos de máis de 150 km/h deixan máis de 160 incidencias na Galiza

Unha muller tenta suxeitar o seu paraugas fronte á forza do vento na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Árbores sobre as estradas, inundacións, desprendemento de cascotes e caída de raios

O vento que trouxo a borrasca Nelson, con refachos que excederon os 150 km/h, deixou esta cuarta feira na Galiza máis de 160 incidencias, segundo recolle o último parte publicado polo 112.

A maioría dos incidentes estaban relacionados coa caída de árbores e ramas na calzada, rexistrándose un total de 60. Tamén se contabilizaron 29 motivados pola presenza de varios obxectos nas estradas. Os servizos de emerxencias tiveron que intervir para evitar riscos nun total de 18 ocasións. Igualmente, rexistráronse 15 incidentes debido á caída de cables de luz ou de telefonía nas estradas, entre outras.

O servizo de emerxencias destaca que a maioría das incidencias rexistradas non revestiron gravidade, aínda que a caída de árbores e ramas nas estradas si que provocou alteracións no tráfico. Este foi o caso, entre outras vías, da LU-232 ao seu paso por Lugo e Friol, con varios tramos afectados que provocaron que se cortase a circulación a través da estrada.

En Compostela, sobre as 14 horas, un particular que circulaba pola DP-0701, informaba ao 112 da caída dunha rama dunha árbore sobre o seu coche, causándolle danos no vehículo. O dono resultou ileso.

Tamén, na mesma liña, o 112 era informado ao redor das 17.30 horas, da caída dunha árbore sobre dous coches que estaban aparcados no lugar da Carreira, en Cans, no Porriño (comarca de Vigo). Tampouco houbo que lamentar danos persoais.

Emerxencias tamén tivo constancia sobre as 18 horas, da caída dun raio sobre o tellado dun colexio en Mogor, na localidade de Mañón (comarca de Ortegal). Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, a caída do raio nin sequera chegou a producir incendio. Así o comunicaban os membros do GES de Ortigueira (Ortegal) que se desprazaron ao momento. Tan só saltou o diferencial que queimou parte do tellado de uralita.

En Esteiro, en Ferrol, tamén un raio provocou danos nun farol ao alcanzalo, o que fixo que se visen afectadas varias pezas da mesma. A persoa que alertou ao 112 tamén indicou que tras isto quedaron sen luz na súa vivenda.

Incidentes provocados pola choiva

Tamén a choiva deixouse notar en Pontevedra. Á altura da factoría de Ence, un particular informaba o 112 de que na PO-11, ao redor do quilómetro 2, a estrada estaba completamente asolagada a causa da subida da marea. Foi necesario cortar a estrada en ambos os sentidos de circulación entre os quilómetros 1.2 e 3.7, sentido Marín (O Morrazo). Os axentes de Tráfico habilitaron unha vía alternativa, a PO-546, para o tránsito de vehículos.

Ademais, os fortes ventos provocaron que se desprendesen cascotes dun edificio abandonado situado na rúa Sanjurjo, en Vigo, que caeron sobre a beirarrúa. De igual maneira, en Sada (comarca da Coruña), un particular informou dunhas pedras que caían desde unha fachada, con posibilidade de caer sobre a calzada.

En Vedra (comarca de Compostela), o vento levou parte do tellado dunha casa, que chocou contra un poste e provocou que os cables de media tensión quedasen tirados pola pista. Do mesmo xeito, o tellado desprendido tamén bateu posteriormente contra a fachada doutra vivenda.

Refachos de máis de 150 km/h

O temporal que azouta Galiza esta semana deixou refachos de vento que superaron o 150 km/h. Concretamente, e segundo información de Meteogalicia, en Cedeira (Ferrolterra) os refachos chegaron aos 154.3 km/h e en Muras (A Terra Chá) aos 153.2 km/h.

En Carballeda de Valdeorras, algúns refachos alcanzaron os 145 km/h e en Viveiro (A Mariña), os 138 km/h, mentres que lugares como Monfero (Eume) e Carnota (comarca de Muros), Oia (Baixo Miño) e Manzaneda (Terra de Trives), os refachos movéronse entre os 120 e os 126 km/h.

A choiva tamén caeu con intensidade durante toda a xornada, aínda que en ningún punto excedeu os 50 l/m2. Así, a máxima cantidade rexistrada foi a caída en Entrimo (Baixa Limia), con 46.8 l/m2.

Avión (comarca do Ribeiro) notificou 43.7 l/m2, mentres que o Porriño (comarca de Pontevedra) ficou con 40.7 l/m2.