Unha das primeiras achegas xornalísticas publicada en 1991

Reeditado o libro de Perfecto Conde sobre o narco

O libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína foi un dos primeiros achegamentos monográficos ao fenómeno do narcotráfico do xornalismo galego. Para redactalo, o seu autor, Perfecto Conde (A Pontenova, 1945), chegou a recadar información en Colombia, México ou Arxentina. Fóra de catálogo desde hai anos, a editorial Foca encárgase de volvelo colocar nas librarías.
 

La conexión gallega publicouse orixinalmente en 1991, da man de Ediciones B. As súas páxinas conteñen, entre outra moira información, algunhas pistas sobre a delgada liña compartida en que se moveron narcotraficantes, contrabandistas e algúns políticos conservadores na década dos 80. O propio Conde lembraba hai anos que nunca ninguén o denunciara polo que escribiu no libro.

 

Canda Un lugar tranquilo. Contrabando, droga e corrupción nas Rías Baixas (1993), do xornalista Benito Leiro, La conexión gallega foi unha das fontes xornalísticas máis importantes sobre o tráfico de estupefacientes en Galiza. En 1997 aparecería La Operación Nécora, de Felipe Suárez, e en 2015 o célebre -secuestrado por un xulgado a raíz dunha denuncia do ex alcalde do Grove Bea Gondar- Fariña, de Nacho Carretero.

 

A ficción tamén abordou o asunto. Manuel Rivas, Aníbal Malvar ou Diego Ameixeiras empregaron a novela para se adentrar nese mundo.

 

Nota: cuberta da primeira edición de La conexión gallega, de Perfecto Conde.