Anpas e sindicatos cuestionan a "política de recortes" da Xunta de cara ao novo curso escolar

Alumnado de primaria do CEIP López Ferreiro, en Compostela, no inicio do pasado curso 2020-21 (Foto: Arxina).
Mentres a Xunta insiste en que os centros de ensino contarán este curso "co profesorado preciso", as familias e os sindicatos alertan da "irresponsabilidade" que supón non manter as ratios do pasado ano, xa que, malia os avances na vacinación, "a Covid-19 segue a ter un risco moi elevado para o alumnado".

O vindeiro 9 de setembro dará comezo na Galiza un curso escolar "de transición", segundo o definiu na Conferencia Sectorial de Educación decorrida na cuarta feira a ministra responsábel desta carteira, Pilar Alegría. O Estado ratificou o protocolo do pasado ano mais deixando a porta aberta aos Gobernos das autonomías para reduciren o distanciamento entre pupitres de 1,5 a 1,2 metros —ou 1 metro cunha pantalla—, unha medida que a Xunta xa confirmou e que a comunidade educativa entende como unha "escusa" para reducir o profesorado.

"Antes de se aprobar en maio o novo distanciamento, a Consellaría de Educación xa enviara aos centros un requirimento para calcular a capacidade das aulas con 1,2 metros entre cada estudante, cunha clara intención de xustificar os recortes no cadro de persoal que vimos denunciando", advirte a Nós Diario Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector.

Algúns territorios como Andalucía ou Cantabria xa anunciaron a contratación de mestres para reducir as ratios, unha cuestión que o Goberno galego supedita á chegada de fondos extraordinarios procedentes do Estado.

"Está na man da Xunta reforzar o persoal, mais a súa pretensión é volver encher as aulas e non desdobralas", di Suso Bermello (CIG-Ensino)

"Os fondos estatais son os mesmos para todos os territorios e está na man da Xunta contratar docentes para manter as ratios do curso pasado", replica Bermello.

Pola súa banda, o conselleiro, Román Rodríguez, emprazaba nesta quinta feira, en declaracións aos medios a "non mesturar debates" no que atinxe aos reforzos no profesorado, e defendeu que a Xunta xa logrou o pasado curso "a plena presencialidade en todo o ensino obrigatorio". "Alédanos que outros territorios reforcen os seus centros para atender ratios semellantes ás que temos na Galiza, que vai contar cos profesores precisos para cumprir cos mandatos sanitarios [un máximo de 25 alumnos en primaria, 30 en secundaria e cinco en cada mesa de infantil, segundo ditou a Xunta]", expuxo.

Para o responsábel da CIG-Ensino, a "pretensión" da Xunta é "volver encher as aulas con trinta e pico alumnos", xa que fecharán "máis dun cento de unidades escolares".

"Con esta medida, os desdobramentos de aulas que antes eran obrigatorios agora deixarán de selo. É unha irresponsabilidade, unha decisión económica fronte á saúde pública, porque aínda que esteamos vacinados o risco da Covid-19 segue a ser elevado", afirma o presidente da Confederación de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo.

Na mesma liña incide o presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci: "O ano pasado, cunha redución forzosa das aulas, os resultados foron claramente positivos malia as dificultades da pandemia. Resulta incríbel que a Consellaría queira apertar o alumnado para aforrar en docentes, non aprenderon nada neste tempo", censura.

"Como lle explicas a un rapaz que na aula está a un metro de distancia mais ao saír ao patio debe ficar a 1,5 metros dos seus compañeiros?", engade Lacaci. Cómpre lembrar, a este respecto, que este ano o alumnado de diferentes aulas poderá mesturarse no tempo de lecer mantendo o citado distanciamento.

Recortes no rural

Suso Bermello lamenta que a Xunta "encha a boca" falando de potenciar os concellos rurais mentres "desmantela" os servizos públicos: "Cando fechas un colexio ou un centro de saúde, ou reduces o seu persoal, estás convidando a poboación a abandonar o lugar".

"Desde 2009 aplicouse unha política de recortes que deteriora a calidade do ensino, fecha escolas no rural e ten aulas saturadas nas cidades", conclúe Fernando Lacaci.