A redución das PCR fai que os positivos baixen, mais medra a presión hospitalaria

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)
Na última xornada rexistráronse seis novos falecementos na Galiza por Covid-19, un aumento do número de peroas hospitalizadas e na UCI e a segunda maior taxa de positividade da segunda vaga.

Galicia detectou nas últimas 24 horas 160 casos de coronavirus menos que na xornada anterior aínda que se practicaron a metade de probas  PCR respecto ao día previo e estas lanzaron unha taxa de positividade de 8,4% a segunda máis alta da segunda vaga da pandemia.

Así figura no balance de datos da pandemia ofrecidos pola Consellería de Sanidade este domingo, no que deu comezo a campaña de vacinación contra a covid-19.

A presión hospitalaria na Galiza vai en aumento, con oito ingresados máis que na xornada anterior. Son agora 336 as persoas hospitalizadas con diagnóstico de covid-19 nas sete áreas sanitarias galegas. Deles, 58 atópanse na UCI, tres máis que hai 24 horas.

Por áreas, A Coruña-Cee volve ser o distrito sanitario con maior número de hospitalizados con coronavirus ao aumentar a cifra global en seis respecto a os datos do sábado. Hai nestes momentos 79 ingresados, dos que 18 están en UCI ─un máis─. 

Tras a área coruñesa está a de Santiago-Barbanza, onde permanecen ingresadas 76 persoas con coronavirus ─unha máis─, sete delas en críticos.

En Vigo descende o cómputo de hospitalizados pola pandemia até os 61, tres menos que o sábado. Deles, 11 está na UCI ─dúas menos─. Por detrás está a área de Pontevedra-Salnés en canto ao cómputo de ingresados, pois son 56, dous máis que o día anterior, con 11 en UCI ─dous máis─.

Ourense-Verín-O Barco mantense nas mesmas cifras totais do sábado ─23 ingresados─, aínda que as persoas en UCI aumentaron a 4 ─unha máis─. Ferrol tamén presenta o mesmo cómputo de hospitalizados que o día anterior ─28─ aínda que, do mesmo xeito que Ourensa, aumentan en un os pacientes en UCI, até 3. Por último, en Lugo baixan a 13 ─un menos─ con 4 deles en críticos.

Menos PCR

En canto á detección de casos, Galicia sumou 213 novos positivos por coronavirus nun día, o que implica unha importante caída de 160 con respecto ás 24 horas previas. Con todo, hai que ter en conta que as PCR realizadas foron 3.050, a metade do día anterior, polo que a baixada dos contaxios rexistrados sucedeuse en todas as áreas sanitarias.

Aínda así, a de Santiago-Barbanza volve ser a área que reporta máis contaxios de toda Galiza, cun total de 68 ─28 menos que a xornada previa─. A segunda é a de Pontevedra-O Salnés, con 47 ─nove menos─.

Tras estas, están a área sanitaria de Vigo, que notificou 38 novos  contaxios, unha caída de 56; e a da Coruña-Cee, que sumou 32 novos, un descenso de 29 con respecto ao día anterior.

En canto ao resto de áreas sanitarias, os contaxios detectados foron practicamente testemuñais: Ourense-Verín-O Barco, con 13 novos positivos (-36); Ferrol, con 8 (-4); e Lugo-A Mariña-Monforte, con 7 (-26).

Positividade en máximos

Así mesmo, a web de Sanidade recolle que até a data practicáronse na Galiza un total de 1.091.724 probas  PCR, o que implica que no último día fixéronse 3.050, 3.147 menos que o día anterior e máis de 6.000 menos respecto a as practicadas hai dous días.

Deste xeito, a taxa de positividade alcanzada na última xornada é, cun 8,4%, a segunda máis alta da segunda vaga da pandemia, só por detrás do 10,7% rexistrado o 19 de novembro.

En canto aos casos activos ─persoas que seguen diagnosticadas de covid-19─, Galiza volve presentar unha baixada por segundo día consecutivo. Así, Sanidade contabiliza 5.609 casos activos, 107 menos que o día anterior.

Santiago mantense como a área con maior número de pacientes con enfermidade activa aínda que este domingo rompe a súa tendencia das últimas datas ao baixar os activos a 1.352 ─tres menos─. Séguelle Vigo, onde tamén descenden timidamente os pacientes até 1.226 ─seis menos─.

Tras elas sitúase Pontevedra-O Salnés, que contabiliza un total de 896, once menos que o día previo. A continuación está A Coruña-Cee con 873 ─27 menos─. Pola súa banda, en Ourense hai agora 540 pacientes con covid-19 activo ─18 menos─, en Lugo son 374 ─sete menos─ e en Ferrol, 374 ─oito menos─.

Seis novas vítimas 

Así as cousas, desde o inicio da pandemia diagnosticouse covid-19 na Galiza a un total de 61.375 persoas, das que 54.402 curáronse, 337 nas últimas 24 horas.

Doutra banda, unha xornada máis continúa en aumento o número de vítimas mortais que deixa a pandemia após o falecemento de seis persoas, unha delas vinculada a residencias de maiores, o que eleva o número total de falecidos na Galiza a 1.369.