Os salóns de xogo asolan as zonas escolares

Redondela prepara as súas alegacións contra a casa de apostas

Protesta da Coordinadora contra a casa de apostas en Redondela.
A cidadanía de Redondela non se rende. Colectivos sociais, políticos, deportivos e culturais mobilízanse para impedir a instalación dunha casa de apostas na zona escolar da Marisma; onde se localizan tres institutos, un colexio, unha escola infantil e un conservatorio. 

Nos últimos anos disparouse o número de locais de apostas abertos na Galiza, un aumento que aviva o interese das xeracións máis novas e, ao mesmo tempo, a preocupación do seu contorno familiar e educativo.

Desde primeiros de outubro, a veciñanza de Redondela vive de perto e con «medo» o perigo que representa a próxima apertura dun salón de xogos nunha zona moi frecuentada pola rapazada. A capacidade de adicción deste tipo de estabelecementos espertou a alarma social e iniciou unha serie de mobilizacións que contan co apoio maioritario dos movementos sociais e culturais da vila, do Goberno local, dos clubs deportivos e da comunidade educativa.

Queren a casa de apostas fóra da vila, e nomeadamente dunha zona sensíbel, de referencia para o alumnado de tres institutos, un colexio, unha escola infantil e un conservatorio «que está a menos de 150 metros do local onde prevén abrir a sala de xogos», explica Ana María González Soto, membro da Coordinadora contra a Casa de Apostas de Redondela, «que é o que esixe a lei».

O salón de xogos recibiu o visto bo da Xunta de Galiza no mes de abril, pouco antes de que o goberno galego anunciase, no mes de maio, a paralización de novas licenzas para a instalación de salas de apostas no territorio.

Daquela, o vicepresidente Alfonso Rueda aludira á necesidade de «pechar o mercado ante a próxima publicación da nova lei do xogo» co fin de evitar posíbeis especulacións e a posta en marcha de novos estabelecementos no período previo.

Un problema social

A coordinadora conta a casa de apostas de Redondela apela a esta decisión da xunta e ao problema de saúde pública e social que representan as rúas das vilas e cidades inzadas de casas de xogo que non sempre disuaden os menores de entrar nos seus salóns.

«De ir adiante o proxecto, a casa de apostas vai abrir as súas portas na rúa Ernestina Otero, na zona escolar da Marisma, por onde pasan a diario centos de rapaces e rapazas. E vai contar cunha cafetería ás que supostamente poderán acceder. Non así á zona de xogos, pero eu visitei un local da mesma empresa en Vigo e no interior vin menores xogando», advirte Ana María González.

Período de alegacións

Desde a coordinadora insisten en que non se trata só dun problemas de pais, nais e profesorado. «É un problema de toda a sociedade que se anuncia seguido. A publicidade das casas de apostas é moi agresiva, con caras moi coñecidas que atraen ás máis novas e que aínda non teñen capacidade para dicir que non».

Non é un problema de pais e nais senón de toda a sociedade. A publicidade das casas de apostas é moi agresiva, con caras moi coñecidas que atraen ás máis novas e que aínda non teñen capacidade para dicir que non.

Despois dun mes de outono de protestas semanais, en Redondela prepáranse para sacar varias mesas informativas á rúa co fin de animar á veciñanza a participar no período de alegacións ao proxecto da casa de apostas que remata o vindeiro día 28. «Sobran argumentos e mantemos o compromiso de paralizar a súa apertura. Representa un grave problema de saúde pública nunha zona escolar e de lecer que pode supoñer un aumento maior da ludopatía». 

Pregunta ao Goberno

En sede parlamentaria, o BNG amosou a súa preocupación pola escolla estratéxica da casa de apostas de Redondela «para obter a máxima rendibilidade empresarial e captar un público potencial de mozos e mozas».

O deputado Luís Bará incidiu na reacción tardía do Goberno galego á hora de modificar a lei do xogo e estabelecer unha moratoria na apertura de novas salas. Ao respecto, o vicepresidente Alfonso Rueda asegurou que o estabelecemento «cumpre» coa legalidade, xa que mantén a distancia mínima exixida pola lei da zona escolar. Con todo, o número dous da Xunta indicou que isto "non quere dicir que se vaia abrir".

Rueda defendeu o compromiso da Xunta co cumprimento da lei e apelou ao Concello de Redondela a facer o mesmo, ao tempo que reclamou o apoio dos grupos parlamentarios á futura lei do xogo da Galiza.