Redondela mobilízase contra as casas de apostas

[Imaxe: Óscar Morgan] Manifestación contra as casas de apostas en Redondela

Centos de persoas clamaron contra a instalación dun novo salón de xogos na rúa Ernestina Otero, a tan só 200 metros da zona escolar de A Marisma, onde se sitúan un centro de Primaria e tres de Secundaria.

A cidadanía de Redondela, organizada en torno á Coordinadora Contra Casa de Apostas, dixo “non” á instalación dun novo salón de xogos na rúa Ernestina Otero, a tan só 200 metros da zona escolar de A Marisma, onde se concentran unha escola de Primaria e tres institutos.

Centos de persoas déronse cita na praza de Ribadavia, de onde partiu unha manifestación que rematou na praza da Constitución, ante a Casa do Concello. Alí cantaron o tema Tempestades de sal, de Sés, e berraron consignas como “non sexas primo, isto é un timo”; “ti que estas mirando, teu fillo está apostando”; “isto non é sorte, isto é morte”; ou “nesta oficina, venden heroína”.

A Coordinadora Contra Casa de Apostas afirmou no seu manifesto que o xogo e as apostas “só benefician os empresarios”, e que a súa normalización “supón un problema de saúde pública”, xa que “provoca adiccións”, en especial “entre menores e adolescentes, que son un colectivo moi vulnerable”. Ademais, denunciou que a Xunta de Galiza outorgase autorización administrativa para a apertura desa casa de apostas na rúa Ernestina Otero, antes de apelar a “sumar forzas” para “impedir entre todos que chegue a abrir”.

Apoios a todos os niveis

A mobilización contou co apoio de máis de 60 entidades culturais, sociais ou deportivas de Redondela, así como de políticos e sindicatos.

Entre outros, alí estivo Xoán Carlos González, voceiro do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Redondela. Tamén destacou a presenza da coordinadora de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, que apuntou que seguirá “traballando para que as apostas desaparezan dos nosos barrios”.

E, pola súa banda, o secretario de Comunicación de Podemos Galicia, Óscar González, congratulouse de poder “estar coa veciñanza de Redondela dicindo ‘non’ ás casas de apostas, a última xogada do capital para sangrar a clase traballadora”.