“Papá, quero ser tipster”: o mundo das salas de apostas deportivas

En centros comerciais e estacións de autobuses, a carón de escolas e parques infantís… Nada resiste a voracidade das empresas do xogo, que en pouco máis de cinco anos fixeron que o concepto de salón de apostas deportivas pasase de ser algo exótico a un elemento máis da paisaxe urbana co que hai que convivir, como a panadaría ou a lavandaría. Porén, entidades sociais, veciñais e expertos e expertas non se resignan e alzan a súa voz esixíndolle á clase política que tome medidas contra un fenómeno que, como a heroína nos 80, ten enganchados miles de mozos e mozas. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza.

A Coruña, centro da cidade, 19.30 da tarde. Faltan 15 minutos para que comece o partido clasificatorio para o Europeo sub-21 que enfrontará a selección española coa de Montenegro e un grupo de persoas mozas arremuíñase fronte a unha máquina de apostas. “Tío, faime caso, se lle metes dez pavos con esa cota corres moito risco para gañar só dous euros. Métellos a que ao descanso chegan empate”, di unha delas, moi segura de si propia. O resto cede e saca o boleto, pero lamentabelmente para eles España chegou ao intermedio gañando por 2-0. Cartos perdidos. Tampouco parece importarlles moito: “O domingo xoga o Dépor e xa recuperamos”, din.

Ese empate pagábase a 15 euros por euro apostado, o que significa, para a casa de apostas, que de 15 veces que se enfrontasen españois e montenegrinos, só nunha acabarían en táboas. Preguntado por se non foi un movemento moi arriscado, o ideólogo de confiar no empate asegura que el se move “por instinto” e non “polos números”, e que equivocarse lles pasa “até as mellores tipsters”. Mais, que demo é un tipster?: “É unha persoa experta que cobra por aconsellar onde apostar para que as e os xogadores gañen máis cartos. Eu sigo varios, seguro que coñeces Maldini ou Mister Chip”. Os populares xornalistas madrileños acumulan máis de cinco millóns de seguidores  e seguidoras nos seus perfís nas redes sociais, desde os que fan apoloxía do xogo transmitindo a mensaxe aos milleiros de persoas menores que os seguen de que apostar é algo fácil, positivo, incluso cool. 

Menores de idade

Estes rapaces tampouco teñen reparo algún en recoñecer as súas idades: todos entre os 15 e os 16 anos, tampouco aparentan máis. Está normalizado, non teñen sensación de estar facendo nada malo ou ilegal. “Algunha vez botáronvos fóra por estardes xogando ou polo menos pedíronvos o carné?”. ”Non” rotundo. Como sinala Juan Lamas, director terapéutico da Asociación  Galega de Xogadores Anónimos e director técnico da Federación de Xogadores Rehabilitados, “o sector conseguiu normalizar a socialización das cuadrillas de rapaces nos locais de apostas, onde teñen aire acondicionado, televisións enormes e aínda por riba as bebidas máis baratas, e todo baixo a aparencia dunha cafetaría normal”.

Finalizado o encontro, ás dez da noite, movémonos a outro salón de apostas. Non será problema atopar un, pois na Coruña, unha cidade de 240.000 habitantes, existen 23, o que dá un rateo de un por cada 10.500 persoas, moi por debaixo da media galega, de un por cada 17.000, e da estatal, un por cada 12.000, segundo  datos da propia patronal, que pese a todo afirma que aínda “hai percorrido” para abrir máis locais. Tampouco os horarios supoñen unha limitación para as persoas que queren xogar, pois están abertos desde as nove da mañá até as dúas da madrugada. Todo son facilidades.

 

[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]