Saúde

Reducir o uso das redes sociais para gañar en benestar emocional

A 'autolimitación' pode ser chave para afastarnos das redes sociais. (Foto: Nós Diario)
Unha ampla investigación conclúe que diminuír o tempo diario de consumo de redes ten beneficios directos sobre a nosa saúde mental, pois axuda a reducir a ansiedade, a depresión e o sentimento de soidade, nomeadamente entre a mocidade.

As redes sociais teñen un grande impacto na vida diaria das persoas que as usan pero, sobre todo, na mocidade, pois as e os adolescentes pasan moitas horas conectados á rede e isto produce certos efectos negativos tamén na súa saúde mental. Se se reduce o uso das redes sociais, minguará tamén a ansiedade, a depresión e a soidade. Ou iso é, cando menos, o que vén de concluír un grupo de investigadores da Universidade Estatal de Iowa (Estados Unidos).

A través dun experimento de dúas semanas con 230 estudantes de universidade, pediuse á metade que limitase o uso das redes sociais a 30 minutos ao día e recibiu recordatorios diarios automáticos. Os resultados, publicados na revista Tecnoloxía, Mente e Comportamento, revelan que se obtiveron puntuacións significativamente máis baixas para a ansiedade, a depresión, a soidade e o medo a perderse ao final do experimento, en comparanza co grupo de control. Tamén obtiveron puntuacións máis altas en "afecto positivo", que o persoal investigador describe como "a tendencia para experimentar emocións positivas descritas con palabras como 'emocionado' e 'orgulloso'".

En esencia, tiñan unha perspectiva "máis brillante" da vida. "Sorprendeume descubrir que o benestar dos participantes non só mellorou nunha dimensión, senón en todas. Entusiasmoume saber que unha intervención tan simple como enviar un recordatorio diario pode motivar as persoas a cambiar o seu comportamento e mellorar os seus hábitos nas redes sociais", celebra Ela Faulhaber, estudante en interacción humano-computadora e autora principal do artigo.

As e os investigadores acharon que os beneficios psicolóxicos de reducir o uso das redes sociais tamén se estenderon aos participantes que, ás veces, excederon o límite de tempo de 30 minutos. Moitos dos e das participantes no estudo de ISU comentaron que os primeiros días de diminución do consumo foron todo un desafío. Mais, após o impulso inicial, un dixo que se sentía "máis produtivo e en sintonía" coa súa vida. Outros compartiron que estaban a durmir mellor ou pasando máis tempo con persoas.

Autolimitación

Os investigadores sinalan que outros estudos investigaron os efectos de limitar ou absterse das redes sociais. Porén, moitas das intervencións requiren dunha forte supervisión e a eliminación de aplicacións ou o uso dunha aplicación especial para bloquear ou limitar as redes sociais. Igual que acontece coa rehabilitación de alguén que é adicto ás drogas, a responsabilidade externa pode axudar algúns usuarios, mais tamén conleva un maior risco de fracaso. Faulhaber di que o seu estudo amplía a investigación actual sobre as redes sociais e proporciona unha forma práctica de que as persoas limiten o uso das redes.

Para calquera que queira reducir o seu consumo, a autora recomenda crear conciencia cronometrando canto tempo pasa nas redes sociais; recoñecer que non é fácil cinguirse ao límite de tempo, pois as redes sociais están concibidas para manterse conectado, e non renderse, xa que limitar o uso de redes sociais ten beneficios reais na vida diaria. "Cando se nos quita unha liberdade percibida, comezamos a resistirnos", di o coator do estudo, Douglas A. Gentile. E engade que eliminar as redes sociais tamén significa perder algúns dos beneficios que poden traer, como conectarse con amizades e familiares.

O persoal investigador conclúe que tamén é importante ter en conta como e cando se usan estas plataformas. A investigación futura podería afondar nesta cuestión, xunto cos efectos a longo prazo de limitar as redes sociais e o que as persoas fan co tempo que gañan. "Vivimos nunha era de ansiedade. Moitos indicadores mostran que a ansiedade, a depresión e a soidade están a empeorar e iso pode facernos sentir impotentes. Mais hai cousas que podemos facer para controlar a nosa saúde mental e o noso benestar", asegura Gentile.