Unha rede nos institutos públicos de Pontevedra pola igualdade e contra o machismo

Os denominados Consellos da Muller Nova son órganos de debate, reflexión e propostas sobre estas cuestións e nos que o alumnado vai ser o protagonista. Comezarán a operar a partir de setembro.

A Concellería de Educación e Igualdade de Pontevedra, coa colaboración da Xunta, impulsa un proxecto pioneiro en Galiza para dotar os institutos públicos do municipio dos denominados Consellos da Muller Nova. Son órganos de debate, formación, reflexión e propostas sobre igualdade e violencia machista nos que o alumnado será o protagonista, encargándose un docente por centro da coordinación.

 

“Os mozos e mozas serán axentes de igualdade nos seus centros” sinalou a concelleira Carme Fouces quen non dubida de que a acción dos consellos “favorecerá un ambiente de traballo e aprendizaxe cun baixo índice de conflitos e cun fomento activo da tolerancia e a cooperación”.

 

As previsións son que empecen a operar en setembro. No primeiro trimestre docentes e estudantes recibirán formación en igualdade; os consellos promoverán unha auditoría de Igualdade nos centros educativos co fin de ter unha diagnoses certeira da situación e rematarán cunha xuntanza de avaliación. Co segundo trimestre chegarán as actividades e á visbilización do traballo feito polos consellos, con intervencións e programas en medios de comunicación incluídos e unha valoración ao final do curso.