Rede Galega contra a Pobreza urxe á nova Consellería de Vivenda a aumentar o alugueiro social

Arredor de 4.000 galegos viven na rúa. (Foto: Europa Press)

Reclaman a activación dunha estratexia de erradicación do chabolismo e a infravivenda en 2030

A Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galiza) celebra a posta en marcha dunha nova Consellaría de Vivenda, aínda que cre que é "insuficiente", polo que aprema á posta en marcha de parque público e o alugueiro social.

Nun comunicado, alerta das "trabas" existentes para as persoas de rendas medias e baixas para acceder á vivenda na Galiza, unha "exclusión residencial" que debe combaterse cun acceso ao mercado inmobiliario das vivendas baleiras, "antepoñéndoo á construción, a promoción inmobiliaria e ao lucro".

A entidade lamenta incumprimentos en creación de vivenda pública no país galego e require que se aumenten os fondos propios da Xunta da Galiza en vivenda para os orzamentos de 2025.

EAPN-Galiza tamén reclama activar unha estratexia de erradicación do chabolismo e a infravivenda en 2030, a prevención do senfogarismo, impulso ao alugueiro social, prevención de desafiuzamentos e accesibilidade entendida como obra pública prioritaria.

Tamén reclama a coordinación entre as Consellarías de Vivenda e Política Social "para evitar que se dilúa o enfoque social e de dereitos", ademais de requirir ao Executivo galego que se garanta o financiamento do terceiro sector.