A Rede Feminista de Sada tingue de violeta a formación nos novos "Domingos lilas"

A asociación pon a andar esta fin de semana os "Domingos Lilas".
A necesidade de dispor de espazos que axudasen a formarse en igualdade de xénero foi un dos motivos que moveron o ano pasado un grupo de veciñas a organizarse para crear a Rede Feminista de Sada. Esa inquedanza comeza a tomar forma esta fin semana, na que dá comezo o ciclo "Domingos lilas", que ofrecerán, no último domingo de cada mes, charlas, obradoiros e cursos sobre temáticas relacionadas coa igualdade e as violencias machistas.
 

A primeira, que terá lugar ás 12 horas na Capela de San Roque desta localidade, estará centrada nas agresións sexuais e levará a Sada a doutora en Socioloxía e activista Miriam Couceiro e o responsábel do programa VioXen –de seguimento e protección a vítimas de violencia de xénero– no Concello de Arteixo, Daniel Sánchez Vilaverde, ademais de ofrecer unha demostración de autodefensa.

"Cando empezamos non había ningún movemento deste estilo en Sada. Decidimos que, na sociedade na que vivimos, era necesario organizármonos para empezar a educar en igualdade de xénero", conta Sabela Lonxa, unha das integrantes da asociación, que se constituíu formalmente a finais do ano pasado.

O grupo impulsor levaba meses dándolle voltas á idea. "Fomos contactando con xente da zona para achegármonos ao maior número de mulleres posíbel. A idea era facer algo aberto, plural, onde todas tivésemos cabida á marxe de como entendamos o feminismo. Así, temos persoas máis activas, máis tranquilas, máis radicais… A nosa idea sempre foi conformar un espazo cómodo para calquera muller que queira formar parte tanto de Sada como de fóra”, expón. Hoxe roldan xa a vintena.
Os "Domingos lilas" son a súa primeira iniciativa de continuidade, malia que levan xa algúns encontros abertos, que publicitan a través das súas redes sociais. Tamén se xuntan con cada asasinato machista, para poñer voz ás vítimas a través dun manifesto, ao que dan lectura na praza da Peixaría.

Co segundo "Domingo lila" xa marcado na axenda –o 23 de febreiro, no mesmo lugar e hora que o primeiro–, A rede apunta algúns dos temas que proporán durante o ano, como o acoso escolar ou a educación sexual en menores e adolescentes, sempre con voces expertas e sempre con perspectiva de xénero.