A Rede Contraminacción denuncia a “imaxe falsa” que pretende dar a última campaña do lobby mineiro e da Xunta

Manifestación contra a minaría na Quintana

A plataforma galega contra a Minaría Destrutiva tilda de “enxeñaría social” a campaña “Minaría Sostíbel de Galiza”, dirixida ao ensino infantil, primario e secundario e que se presentará a videira terza feira 12 de febreiro na Cidade da Cultura.

A Rede ContraMINAcción denunciou publicamente  a “imaxe falsa” que pretenden presentar a Xunta e o sector mineiro da actividade no marco da campaña “Minaría Sostíbel de Galiza” e na que, din, se oculta “a grave contaminación, destrución da paisaxe e do patrimonio”.

 

O proxecto da Cámara Oficial Mineira de Galiza en colaboración coa Xunta será lanzado a terza feira 12 de febreiro na Cidade da Cultura e consistirá nun kit de materiais educativos para o ensino infantil, primario e secundario así como a presentación da marca “Minaría Sostíbel de Galiza”.

 

No acto intervirán o director da cámara, Diego López, Natalia Caparrini pola Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Pablo Núñez polo Colexio Oficial de Xeólogos e o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

 

A Rede ContraMINAcción, que unifica distintos colectivos en contra de proxectos mineiros na Galiza rexeitou “frontalmente” este acto, ao que cualificou de “ enxeñaría social” e “lavado de cara” debido os ”graves impactos ambientais da minaría” e a “enorme repulsa social” xerada polos plans de apertura de minas en diferentes puntos do país.  

 

“Mentres a administración dedica grandes esforzos e recursos públicos a estas campañas de enxeñaría social ducias de explotacións mineiras continúan sen restaurar” denuncian dende a Rede, quen cualifica as minas de Miramontes, Casalonga e Touro de “ focos agravados de contaminación”.

 

Denuncia igualmente que esta campaña non é a primeiro do estilo; “como os carteis de Turismo de Galiza sobre as balsas tóxicas de Monte Neme” ou “os museos mineiros de San Finx ou Fontao, aos que cada ano se levan a millares de nenas e nenos en actividades escolares”, e a falta de trasparencia en relación ao outorgamento das axudas que recibe o sector para estas actividades divulgativas.