“Polas súas políticas a prol da mobilidade peonil”

A Rede Cidades que Camiñan premia Carballo

Imaxe de Carballo. Foto: cedida.

Carballo é a vila distinguida co premio Cidades que Camiñan 2018. O galardón, ademais do recoñecemento público “ás políticas activas a prol da mobilidade peonil”, supón a publicación dos proxectos con que cada localidade optou á distinción.
 

Gasteiz, Pontevedra, Irún, Ponferrada ou Córdoba son cidades que, en edicións anteriores, obtiveron o premio, concedido pola Rede Cidades que Camiñan. Esta organización defínese como “unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas que queren avanzar cara a novos modelos de cidade onde os peóns son máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público”.

 

Carballo resultou gañadora na categoría de cidades de entre 20.000 e 100.000 habitantes. Nos outros apartados, a distinción recaeu en Cádiz -de máis de 100.000- e en Herrera del Duque (Badaxoz) -menos de 20.000.

 

A vila bergantiñá recollerá o premio no 6ª Congreso da rede o 10 de outubro en Villanueva de la Serena (Badaxoz). Carballo, gobernada polo BNG, presentou ao concurso “un proxecto baseado en tres aspectos: a elaboración da estratexia e xestión do espazo público, a nova ordenanza reguladora do tráfico a mobilidade e a seguridade viaria -en elaboración- e as actuación de reurbanización”.

 

Ademais da publicación do proxecto, o galardón implica a posibilidade para Carballo de acoller o vindeiro encontro da asociación e de promover “un concurso de ideas para a rexenración dun espazo público”.