Persoal da CRTVG baleira as redaccións para exixir a "fin dos abusos"

Concentración do cadro de persoal da CRTVG (Foto: Nós Diario).
A folga do persoal motivou cambios na programación habitual da radio e da televisión públicas.

"Moita participación" e satisfacción entre profesionais e representantes das traballadoras e traballadores da CRTVG após a primeira xornada de folga convocada polo Comité Intercentros da corporación de medios públicos da Galiza esta segunda feira baixo o lema 'Non máis abusos'. 

24 horas de paro que deixaron as "redaccións baleiras" en San Marcos, Compostela, desde primeira hora, e que impediron, ademais, a emisións de varios espazos habituais na programación tanto da Televisión da Galiza como na Radio Galega. E isto, malia uns servizos mínimos "abusivos" que recorrerán vía xudicial, confirmaron desde o comité de folga.

Na TVG non se emitiu 'A Revista', substituída pola reposición dun 'Quen anda aí". Tampouco o programa cultural 'Zig Zag'. O espazo 'O Tempo' saíu, mais fíxoo sen o grafismo habitual que ilustra con lendas a predición meteorolóxica. Na Radio Galega caeu 'O Tempo' e non saíron ao aire o espazo 'Diario Cultural' nin os deportes. 

Datos de seguimento

Fontes sindicais censuraron o "abuso no que incorre a empresa ao considerar esencial toda a programación informativa, cando non todos os espazos informativos o son". A esta condena sumaron a "ocultación" por parte da dirección da CRTVG dos datos de participación superadas as 12 horas de paro. 

"Malia que a empresa non nos queixo pasar os datos, tal e como llos pedimos, estamos moi satisfeitas co seguimento da folga. Se non os quere pasar é porque non lle son favorábeis".

O paro dos traballadores e traballadoras da CRTVG sentiuse tamén durante a mobilización que tivo lugar nas inmediacións da televisión e da radio públicas en San Marcos contra o medio día, secundada por persoal técnico e redactor co apoio de representantes políticos e "do mundo da cultura".

Xuntos reclamaron o fin dos "abusos" e dun "clima laboral insostíbel" marcado pola "represión e o traslado forzoso de persoal crítico coa manipulación" e o desmantelamento do servizo público. Os manifestantes láianse dun "trato degradante, marxinación e denegación de dereitos" que seguirán a reivindicar tanto nos Venres Negros como en novas xornadas de folga que esta terza feira mesmo comezan a definir.