Recursos e vixilancia fronte a novas vagas

Profesionais sanitarias piden axilizar o acceso a prpbas diagnósticas (Europa Press).
Profesionais sanitarias avalan o risco de novos brotes e exixen reforzos.

Os informes sanitarios que manexa o Goberno galego para convocar as eleccións apuntan un aumento crecente do risco de rebrote na Galiza conforme avance o verán. Segundo recoñecen os documentos técnicos asinados por diferentes especialistas médicos, a chegada ao país de turistas procedentes doutras partes do Estado durante os meses de xullo e agosto podería multiplicar o número persoas afectadas pola pandemia. 

"Un factor que pode alterar a situación de control da infección na comunidade é a entrada múltiple de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior, que poden iniciar cadeas que pasen desapercibidas nun inicio", sinala o informe asinado polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, e polo subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada.

De acordo coas alertas sinaladas polos informes médicos, a mobilidade da poboación entre territorios chama a extremar as precaucións, xa que o incremento do número de viaxeiros podería provocar unha suba da transmisión do virus. E chama a controlar a evolución dos casos.

Para Francisco Vázquez Vizoso, médico especialista en Medicina Preventiva e, durante moitos anos, xefe do servizo de Medicina Preventiva do Hospital Montecelo de Pontevedra, "o efecto do confinamento vai protexernos durante unhas semanas. Despois é posíbel que haxa pequenos rebrotes". Neste sentido, mesmo defende que se o sistema de vixilancia epidemiolóxica funciona ben, detectaranse rápido os novos casos e illaranse de inmediato, "até non descartaría que o virus e a transmisión comunitaria desaparecese na Galiza, mais hai territorios con tanta xente afectada que cortar a cadea epidemiolóxica é moi complicado". 

O virus chegado de fóra

Así, concorda cos informes que manexa a Administración galega. "O maior risco está na entrada do virus desde fóra e acentuarase, primeiro, coa chegada masiva de veraneantes, e máis adiante, coa chegada do inverno".

Ante este escenario previsíbel, José Luís Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense considera fundamental atender o presente e lograr que os servizos de saúde garantan a detección precoz de novos contaxios. "É imprescindíbel que o sistema público estea capacitado para dar resposta a cada nova transmisión, con acceso a probas PCR no prazo de 24 horas, e o máis importante, o control dos contactos".

"Sabemos que desde a Consellaría están traballando nisto cando xa debera estar operativo", preparado para as exixencias que requira o futuro. É unha das chaves para evitar subas e contaxios múltiples, afirma Jiménez. "Ten que haber un sistema áxil para que cada novo infectado sexa entrevistado de forma rápida e se faga un mapa completo dos seus contactos. E non é fácil. É unha estrutura complexa. Estímase que cada caso novo demanda unhas 14 horas de traballo e fai falta moita xente. A primeira enquisa epidemiolóxica faríaa un grupo de operadoras pero aínda descoñecemos como se artella o seguimento por parte de Atención Primaria e de Saúde Pública, cuxos servizos, na Galiza, son moi indelébeis", advirte.

Francisco Vázquez Vizoso coincide co presidente do colectivo médico de Ourense. O sistema sanitario está mellor preparado para responder futuros rebrotes, mais con eivas puntuais que cómpre atallar. "O número de camas de hospitalización e de camas UCI é dos máis baixos do Estado, e iso é un punto débil do noso dispositivo. Hai que traballar para garantir esta dotación a medio prazo e a curto prazo hai que montar unha rede de alerta epidemiolóxica consistente e sólida, capaz de actuar e identificar decontado os casos sospeitosos e os seus contactos". 

Neste sentido, apunta unha fraxilidade do sistema derivada da pobreza á que se viu sometido nos últimos anos. "A precariedade, froito da privatización do sistema sanitario e a falta de investimento en Atención Primaria colócanos agora nunha situación de debilidade. As autoridades deberían entender que o incremento da poboación nas zonas costeiras será importante e debe ter preparado recursos humanos e técnicos para que o sistema de vixilancia e a capacidade asistencial funcionen".

Atención Primaria

Tamén desde a Atención Primaria urxen maior capacidade asistencial e de recursos. “Hai que dedicar todos os esforzos a organizar o sistema sanitario para dar unha resposta inmediata ante calquera sospeita de paciente COVID, mais seguir traballando a nivel social para que a poboación mude o seu comportamento e tamén para minimizar o risco de contaxio”, incide Manuel González Moreira, médico de familia e membro de SOS Sanidade Pública de Vigo.

"Hai que reforzar a Atención Primaria de verdade; con recursos, non con declaracións públicas", recalca, para atender calquera necesidade de consulta e responder á identificación precoz mais ao estudo exhaustivo de novos casos e dos seus contactos.

O problema é a rapidez con que diagnostican, localizan e illan, sinala González Moreira. "Estanse estabelecendo os mecanismos para poder pedir as probas diagnósticas, mais tamén fan falla profesionais coa axenda dispoñíbel para atender as pacientes que cheguen nas condicións de protección ideais. E aí temos que mellorar", advirte.

"O Sergas ten que facer previsións: de casos novos, do tempo que lle vai requirir identificar cada un e dos recursos humanos necesarios. "E non temos información de como está facendo esas previsións", afirma.

Reforzo de costa

De cara ao verán, explica Gozález Pereira, existía a figura do reforzo de costa. "Permitía reforzar aquelas zonas que recibían máis turistas e incrementaban o número de pacientes durante o verán. Nos últimos anos, ante da falta de profesionais non se estaba facendo ese reforzo para dar unha resposta real ás necesidades de cada zona". A esta ausencia, as profesionais sanitarias suman agora a dificultade de casar as vacacións nos meses estivais como lles pide o Sergas para garantir a súa presenza no outono.

Se o rebrote se atrasa até o outono, imos ter un verán con dificultades de cobertura. Se vén en xullo e agosto, cunha estrutura organizativa debilitada pola precariedade podemos ter un problema mais grave, de suba de contaxios sen capacidade para controlalos".