Recuperar máis unha tradición do Nadal galego: o Natarego ou Tizón de Nadal

A Ruada do Apalpador en Compostela incorpora este ano esa novidade: un tronco, de preferencia de carballo, que adoitaba prenderse nos fogares na noite do 24.

 

A tradición destas festas de Nadal en Galiza non acaba no bacallao con coliflor, o Apalpador ou as panxoliñas. É moito máis ampla, non ligada á relixión, e ímola coñecendo grazas á implicación e compromiso de recuperación e promulgación de diferentes entidades e colectivos. Como a escola Semente de Compostela, que este ano incorpora na súa tradicional Ruada do Apalpador o Natarego ou Tizón de Nadal.

 

Que é iso? Pois é un gran madeiro de preferencia de carballo que se mantén aceso desde a noite do 24 de decembro na lareira até Ano Novo e que cando se apaga é novamente acendido durante as treboadas como elemento protector da casa, do gando e dos seus moradores.

 

A xa tradicional ruada do Apalpador de Compostela organizada pola Semente conta este ano co apoio do Concello de Santiago. O pasarrúas sairá ás 18.00 h. do local da asociación cultural Gentalha do Pichel (Rúa de Santa Clara, 21) e percorrerá as rúas da zona vella compostelana para acompañar ao Apalpador, que repartirá castañas entre os nenos e nenas que se acheguen a saudalo. A ruada contará tamén coa participación de músicos, artistas de circo e familias vestidas con roupa tradicional, que escoltarán con fachos ao xigante do Caurel antes da súa visita ás casas o día 24 de decembro.