“Recuperar espazos mortos para enchelos de vida”: nace unha nova okupa en Compostela

O CSOA O Aturuxo das Marías, no Campo do Cruceiro do Gaio. A kupa procura “recuperar espazos comúns, tecer e fortalecer redes entre a xente dos barrios”.

A okupación en Compostela non é exclusiva destes tempos. Nas últimas décadas houbo diferentes iniciativas e proxectos en diversos zonas e barrios da cidade (desde as vivendas okupadas no Sarela ou a de Santa Clara até a Casa Encantada en Sar, a do Calexón de Dereito, pasando por experiencias máis recentes como o Escárnio e Maldizer).  

 

Recentemente vén de nacer unha nova okupa na capital galega: o CSOA O Aturuxo das Marías, na zona do Pombal. En concreto, este centro social okupado e autoxestionado é nun edificio do Campo do Cruceiro do gaio.

 

Nas redes sociais elas propias explican os porqués e obxectivos deste proxecto: “Atopámonos nunha cidade configurada pola especulación, a precariedade económica e o turismo insostible, na que o illamento e a falta de apoio entre as persoas está á orde do día. Numerosos inmobles fican abandoados e alleos ás necesidades da xente”. 
 

 

Ante este panorama, indican,  “consideramos lexítimo recuperar espazos mortos e baleiros para enchelos de vida. É por isto que queremos construír un centro social okupado e autoxestionado, onde todas as persoas decidimos e temos cousas que aportar. Un espazo de confianza e de seguridade que non é exclusivo da xuventude, senón que todas as experiencias teñen cabida”