Recuperar o Castro de Medeiros e abrir as portas á unha nova visión da cultura do viño de Monterrei

A colaboración e traballo conxunto da Xunta de montes de Medeiros, Concello de Monterrei e adegas Martín Códax fai posíbel un ambicioso proxecto no que combinan cultura, arqueoloxía, viticultura ou paisaxe.

O Muro de Medeiros é unha fortificación da Idade de Ferro situada nas proximidades da aldea de Medeiros, en Monterrei. O sitio arqueolóxico, que fata de hai 2.200 anos, está situado a 603 metros de altura, aproveitando a configuración dun outeiro rochoso de grandes batolitos graníticos que intermedia na confluencia de dous ríos: o regato de Biduedo e o regato de Porto do Rei. Embora as súas modestas dimensións, posúe unha masiva muralla de pedra que rodea a cima. Trátase dun dos sitios arqueolóxicos investigados historicamente polos eruditos da rexión, como Don Manuel Taboada Chivite. Posúe, ademais, unha das máis importantes concentracións de lagares rupestres do noroeste peninsular, que poñen en valor a cultura do viño existente na comarca de Monterrei.

“O proxecto pretende converter o sitio arqueolóxico e a súa contorna nun espazo de interese cultural e arqueolóxico determinante para coñecer a poboación prehistórica do val de Monterrei e o nacemento da cultura do viño”

Un proxecto presentado esta sexta feira procura recuperar e rehabilitar o castro, ao tempo que pon en alza a cultura do viño de Monterrei. “Unha iniciativa que foi só posible grazas á colaboración de comunidades de veciños, a administración pública e a empresa privada xa que está promovida polo Concello de Monterrei, patrocinada polo godello Mara Moura e na que colaboran a Xunta de Montes de Medeiros e a Universidade de Santiago de Compostela”, indican os responsábeis.

Primeiros pasos e futuro

Durante o 2016 as principais accións acometidas foron a limpeza e accesibilidade do castro, a topografía e identificación das superficies arqueolóxicas derivadas desa limpeza, a elaboración do sitio web, así como a recollida da tradición oral inmaterial do xacemento e a elaboración de modelos 3D tanto do castro como dos lagares rupestres, pasos todos estes previos a unha intervención máis ampla.

“O proxecto do Muro de Medeiros pretende converter o sitio arqueolóxico e a súa contorna nun espazo de interese cultural e arqueolóxico determinante para coñecer a poboación prehistórica do val de Monterrei e o nacemento da cultura do viño”. Estamos a falar dun emprazamento espectacular cunhas soberbias vistas do territorio, unha muralla e 32 lagares que permitirán ao visitante explorar un territorio no que o viño leva producindo desde tempos inmemoriais. Nos próximos anos realizaranse sondaxes arqueolóxicas para coñecer a cronoloxía do xacemento, estudaranse os lagares rupestres e desenvolveranse outras inciiativas

A lenda do Muro de Medeiros e o viño Mara Moura

O espazo do castro do Muro de Medeiros está cheo dunha riquísima tradición oral que se está a recuperar. Entre elas, a atípica lenda dunha moura que, en agradecemento á hospitalidade das xentes de Medeiros, regálalle a planta do viño. É a Moura Mara, que pasa dar nome a un viño que está elaborado a partir dunha selección de viñedos de altura de godello da Denominación de Orixe. Monterrei.