Recrúa a violencia machista: catro asasinadas en menos dun día

Manifestación convocada pola Plataforma Feminista Galega. Foto: cedida.

A violencia machista recrúa. En apenas nove horas esta terza feira, catro mulleres morreron asasinadas no Estado español.
 

En Castellón, un home de 48 anos matou as súas dúas fillas, de dous e seis anos. Foi ás cinco da madrugada. O presunto asasino, que se suicidou, levaba un ano separado da nai das crianzas. No Xulgado de Violencia sobre a Muller había dous procedementos abertos contra o home, un por agresión -o órgano recibiu un parte médico- e outro por ameazas.

 

Non moito despois, un home de 49 anos asasinaba a súa parella cunha arma branca. A vítima, Nuria Alonso Mesa, de 39 anos, tiña co asasino un fillo de 12 anos. O suceso aconteceu en Maracena (Granada).

 

A cuarta muller asasinada foi en Bilbo. Á unha da tarde, a Ertzaintza atopou un cadáver degolado. O marido da vítima é o principal sospeitoso e foi detido na tarde da terza feira, 25 de setembro.