Os recortes de unidades e profesorado ameazan o inicio dun novo curso escolar

A Consellaría de Educación estima unha mingua de 7.600 estudantes de cara ao próximo curso. (Foto: Nós Diario)
A comunidade educativa de Redondela sairá á rúa esta sexta feira.

Os centros educativos da Galiza prepáranse para reapertura das aulas a partir do 8 de setembro. Ese día comeza o curso en todos os niveis educativos salvo no universitario, mais xa desde primeiros de mes equipos directivos e docentes prepáranse para o regreso do alumnado. Toca facer reconto do profesorado, fechar os horarios e repasar os cambios obrigados, nuns casos pola aplicación da Lomloe, nos cursos impares, e noutros pola modificación de unidades e postos de traballo docentes publicada pola Consellaría de Educación o 12 de agosto.

Nese documento figura o feche de 33 unidades de Educación Infantil, Primaria e Especial; 59 en total, que segundo a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, supoñen "case 100 docentes  menos no sistema educativo galego neses niveis".

Os primeiros días de setembro serán decisivos para coñecer con máis detalle os recortes e as carencias que van achegar ás aulas. "Unha cousa é o que recollen os catálogos e outra a realidade coa que se atopan os centros educativos", advirten a Nós Diario desde a Confederación de Anpas Galegas, que malia os anuncios da Consellaría polo momento só ten constancia da mobilización da comunidade educativa de Redondela para denunciar o recorte de catro prazas no IES Mendiño e outras catro noutros tres centros educativos do municipio.

 A primeiros do mes de agosto a asociación de pais e nais deste instituto de Secundaria e Bacharelato soubo da perda de catro docentes de cara ao seguinte curso. "De 42, que xa eran xustos, pasarán a ser 38, nun centro que  o ano pasado superou os 420 alumnos e alumnas", explica o presidente da ANPA do IES Mendiño a este xornal.

Segundo Anxo Lusquiños o primeiro que se resinte é a calidade educativa, mais este recorte tamén vai pór en perigo que o profesorado poida ofrecer servizos que viña ofertando até agora. "Está en risco que se poida seguir cos grupos de apoio a 1º e 2º da ESO e tamén o coidado das aulas que precisen dun docente de garda en caso de baixa ou permiso".

O voceiro das familias tamén salienta a súa preocupación polo abano de materias optativas que ofrece o centro ao alumando de Bacharelato, "ao que xa se lle está dicindo que mude a súa escolla porque non vai haber profesorado para impartir a materia da súa lección".

Mobilización

A perda de profesorado, destaca Lusquiños, obrigará a aumentar as ratos por aula, "até o punto de que nalgúns casos se volverá superar a cota anterior á pandemia con máis de 30 estudantes por aula, que non son condicións para un ensino de calidade".

Desde a ANPA xa enviaron un escrito a Inspección Educativa para amosar a súa desconformidade cunha decisión que consideran "irresponsábel", mais nun centro no que "vimos detectando desde hai tempo problemas de ansiedade, estrés e medicación entre o alumnado adolescente, que precisaría unha atención máis individualizada e iso non pasa por recortar profesorado e masificar as aulas".

Esta sexta feira concentraranse na praza do Concello de Redondela arroupados por toda a corporación municipal, salvo o PP, e pola federación de ANPAS local, que á redución de prazas do Mendiño suma outras catro en Redondela: unha menos no IES Illa de San Simón, dúas no EEI Marisma e outra no CEIP Plurilingüe de Reboreda.