DENUNCIA DO CADRO DE PERSOAL

Os recortes causan a redución do número de pacientes psiquiátricos en Conxo

Hospital de Conxo

Das 29 camas dispoñíbeis, a ocupación non supera de 10 a 13 pacientes. Por que non hai ingresos psiquiátricos en Conxo? O cadro de persoal da unidade do Hospital denuncia graves deficiencias asistencias nunha área da sanidade pública na que se están a cebar os recortes. 

 

O conxunto de traballadores e traballadoras da unidade de psiquiatría do Hospital Provincial de Conxo de Compostela, arredor de trinta, denuncian o “deterioro asistencial que vén sufrindo esta unidade de forma continua e progresiva”. O baixo índice de ocupación das camas a unidade é, segundo o persoal, o máis claro indicativo de como están a operar os recortes no ámbito da psiquiatría. Só entre 10 e 13 camas están a ser ocupadas das 29 dispoñíbeis nunha unidade que lembran sempre saturada. Que cando todos os datos evidencian o incremento de enfermidades mentais e mesmo de suicidios coincida co menor índice de ocupación da unidade só se explica, segundo o equipo do centro, polos recortes tamén nos ingresos. “Antes sempre estaba completa, cunha demanda que superaba as posibilidades. Agora sabemos que as necesidades son maiores pero atenden en urxencias e mándanos para casa ou derivan á privada”, explican. 

"Agora sabemos que as necesidades son maiores pero atenden en urxencias e mándanos para casa ou derivan á privada”, explican

A denuncia inclúe de maneira insistente a merma da calidade asistencial na unidade. As actividades terapéuticas e ocupacionais desapareceron coas mobilizacións forzosas do persoal que non só se ocupan da unidade senón que están a cubrir baixas do resto do hospital. “Estamos recoñecidos con funcións en saúde mental, mais estannos mandando por todo o hospital de correturnos porque non contratan xente co que a unidade queda descuberta”, anotan poñendo como exemplo da situación as dúas agresións que se produciron nesta cuarta feira que só se explican, ao seu ver, polo “terríbel deterioro da asistencia”. “Non se fai ningún tipo de actividade a diario. Hai meses isto podía pasar de forma esporádica, pero coas mobilizacións forzosas na unidade en todas as quendas de traballo isto pasa a diario”, explican ao tempo que informan de que o terapeuta ocupacional prometido pola dirección médica para compartir co Hospital de Día segue sen aparecer. Na unidade chegan a quedar 4 e mesmo 3 persoas nalgunhas quendas cando os mínimos marcados é de 6 persoas.

"O ingreso dun paciente psiquiátrico con gripe A produciu un brote que afectou a dez pacientes máis que foron incomunidados, sen teléfono, visitas nin televisión"

Illamento de pacientes de psiquiatría por gripe A

Exemplo extremo da “mala calidade asistencial” foi o vivido a pasada semana. O ingreso dun paciente psiquiátrico con gripe A na unidade, en lugar de ir a Medicina Interna, produciu un brote que afectou a dez pacientes máis. A decisión tomada pola dirección foi, segundo @s traballadores e traballadoras, illar todas as persoas afectadas prohibindo as visitas, co agravante de que o illamento impedía todo tipo de comunicación co exterior -sen visitas, sen teléfono nin televisión-, unha práctica de risco cando se trata de enfermidades psiquiátricas. “Isto ocasionou múltiples episodios de angustia e ansiedade tanto por parte dos pacientes coma dos familiares. Incluso chegouse a fechar a unidade a calquera ingreso, cando non estaba recomendado por Medicina Preventiva e non pasou en ningunha planta”, denuncian agora nun escrito elaborado polo propio cadro de persoal que levarán o día 4 de febreiro á xuntanza que ten convocada o Movemento Galego de Saúde Mental. 

“Por todo isto e máis cousas que están sucedendo na unidade, queremos dar a coñecer a situación dos pacientes que ingresan na nosa unidade. Quedando toda a actividade asistencial no feito de dar pastillas sen ningún outro tipo de terapia nin axuda psicolóxica”, conclúen para dar conta dunha situación que queren que traspase as portas do Hospital de Conxo para que sexa de dominio público. “A nosa idea é que queren eliminar unha unidade. Xa o intentaron coa do Gil Casares e non puideron e agora continúan insistindo nesta e os traballadores e traballadoras vémonos na obriga de facer chegar á sociedade o que está a acontecer nunha unidade tan importante como é a psiquiátrica á que os recortes están a afectar especialmente”, denuncian.