Análise

Os recortes en Galicia matan

O exceso de mortalidade non Covid ten a súa orixe nas enfermidades que non foron diagnosticadas na Primaria nin tratadas nos hospitais. (Foto: Nós Diario)
O voceiro Plataforma SOS Sanidade Pública Manuel Martín García prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública levamos anos denunciando a política de recortes e desmantelamento da sanidade pública galega polo Partido Popular que recortou profesionais e traballadores do sistema sanitario, suprimiu camas hospitalarias e reduciu o gasto sanitario, especialmente da Atención Primaria, cada vez máis marxinada e obsoleta.

SOS Sanidade convocou numerosas mobilizacións na maior parte de Galicia, participou activamente no Consello Técnico de Atención Primaria para elaborar de maneira consensuada un novo modelo de Atención Primaria que responda ás necesidades de saúde da poboación.

Con todo, a Xunta e a Consellería de Sanidade ignora estas reivindicacións presentando un orzamento sanitario que apenas sobe a respecto do pasado ano, a pesar da gravidade da situación:

En Atención Primaria, en situación de risco extremo de colapso, o incremento previsto é de 137 millóns de euros, o que supón en aumento de tres décimas respecto ao ano anterior, pasando do 13,4% ao 13,7%. Isto supón perpetuar a falta de persoal médico, de enfermería e doutros traballadores dos centros de saúde; manter pechadas consultas, centros de saúde e PAC; ignorar unhas listas de espera que superan a semana; ou perpetuar as consultas telefónicas que impiden o contacto do persoal sanitario coas persoas enfermas (esencial para a exploración, diagnostico e tratamento adecuados).

En atención hospitalaria a parálise de actividade durante a Covid non foi seguida dun incremento na actividade pese a unhas listas de espera en niveis nunca vistos: os pacientes en agarda duplicáronse durante a pandemia. Galicia ocupa o 5º lugar de 17 CCAA en pacientes en espera por 1.000 habitantes (un 11% superior á media española), o tempo de espera cirúrxica incrementouse un 20%, un 11,7% o de primeiras consultas e un 17,3% o de probas diagnósticas.

A política sanitaria da Xunta de Galicia mata

Os resultados desta política de recortes, desmantelamento do sistema e abandono da Atención Primaria foron nefastos para a saúde da poboación, como demostra o incremento da mortalidade xeral.

As mortes por todas as causas pasaron de 7.290 en 2018 (o ano antes do Covid) a 8.679 este verán (o que supón un aumento do 16%), pero se o comparamos co 2020 (en plena pandemia) o incremento foi do 17,1%. Aínda que este verán fixo moita calor, as mortes atribuíbles supoñen só o 10% do exceso de mortalidade.

Segundo numerosos expertos a elevada mortalidade deste verán ten que ver co exceso de temperaturas (9%), as físgoas do coronavirus en persoas fráxiles (30%) e o empeoramento de asistencia sanitaria (61%). En Galicia as temperaturas estivais foron menos elevadas, polo que a mortalidade atribuíble á mesmas pode ser incluso menor.

Este exceso de mortalidade non Covid ten a súa orixe nas enfermidades que non foron diagnosticadas na Primaria nin tratadas adecuadamente nos hospitais, no abandono da promoción e prevención de saúde nuns centros semidesmantelados e transformados en ambulatorios virtuais e no peche de moitos PAC responsables de tratar as urxencias. A situación da Atención Primaria foi especialmente dramática durante o verán con peche de consultas e de PAC en numerosas localidades.

No Reino Unido, o diario Financial Times informou recentemente que o colapso da atención médica de emerxencia en Inglaterra están a custar 500 vidas cada semana e é a causa do exceso de mortalidade. Unha investigación da Universidade Estatal de Pensilvania e a Universidade de California en San Francisco (Estados Unidos) demostraron que os servizos de urxencias abarrotados asócianse a unha maior taxa de mortalidade en todo o hospital.

A Xunta manipula e falsea a realidade

Esta situación vímola denunciando desde a Plataforma SOS Sanidade Pública desde hai anos sen conseguir que a Xunta de Galicia modifique a súa política sanitaria. Pola contra sufrimos ataques e denuncias por crear alarma social, dado que Galicia tiña a mellor sanidade pública do Estado e mesmo do mundo. Desgraciadamente a realidade deixa en evidencia as mentiras e manobras dos responsables políticos.

Que facer?

Desde SOS Sanidade Pública propoñemos que para acabar co exceso de mortalidade é necesario reverter os recortes, un plan de medidas urxentes para incrementar a actividade hospitalaria para acabar coas listas; un novo modelo de Atención Primaria baseado na promoción, prevención, rehabilitación e traballo comunitario e potenciar os servizos de saúde pública e vixilancia epidemiolóxica.