Recortan a só 2 días na recollida de probas de test en saliva en farmacias

Unha farmacia, nunha imaxe de arquivo.

Limítase a segundas e cuartas feiras.

Os casos activos seguen en escalada até abeirar os 26.000 e a Xunta valora establecer novas restricións. As xuntanzas e encontros familiares e sociais asociados a estas datas natalicias obrigan a extremar as precaucións: quer suspendendo as reunións, quer recorrendo a test e probas para garantir que non está un infectado polo coronavirus.

Esta demanda de probas provoca nestes días colas de horas de espera por parte de centos de persoas en diferentes puntos da Galiza para poder facer unha proba PCR: as imaxes en Compostela, Pontevedra ou Ourense de longas colas nos días previos a Noiteboa e Nadal para poder facer un destes tes sen cita e gratuítos non son pasado. Continúa a haber colas, pois a xente quer saber se após as xuntazas e reunións segue sen ‘infectar’ e tamén de cara a Noitevella.

É neste marco que o recorte a só 2 días da semana da detección de coronavirus mediante test de saliva gratuítos nas farmacias, cando antes non tiña ese límite, xera malestar.

Agora só recollemos os tests segundas e cuartas feiras 

“Agora só recollemos os tests segundas e cuartas feiras e hai que traelo antes das 10:30 horas”, recoñecen desde unha farmacia de Santiago de Compostela. Unha redución de días que bate coas necesidades de detección derivadas desta sexta vaga do coronavirus.

A finais do ano pasado o Sergas e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra acordaron un programa de detección do covid mediante test de saliva gratuítas nas boticas. A iniciativa botou a andar en xaneiro e á mesma fóronse sumando farmacias de toda Galiza.

Estas probas de saliva gratuítas estaban ultimamente centradas en detectar a pandemia en nenos e nenas de entre 5 e 11 anos de idade, e volveron a abrirse a persoas que tivesen a tarxeta do Sergas. Mais xa non se poden facer todos os días e limítase a 2 días a recollida destas probas.