Recorren as multas a feministas da CUT pola folga do 8M

Participantes da CUT no Trebón Feminista do 8M de 2019. [Imaxe: CUT]

O sindicato denuncia as sancións de 300 euros a tres afiliadas identificadas nunha das concentracións do 'Trebón Feminista'.

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) considera unha “persecución” a imposición de multas a tres das súas afiliadas no marco da folga xeral do 8M. Tres feministas tiveron un procedemento de sanción por parte da Subdelegación do Goberno que rematou coa notificación de ter que asumir multas de 300 euros cada unha.

Ana Viqueira, responsábel da Secretaria Xeral das Mulleres deste sindicato, explicou a Sermos Galiza que “o procedemento xudicial partiu da identificación policial dun grupo de afiliadas que participaban no Trebón Feminista o 8M deste ano”. Viqueira sinala que a identificación realizouse “cando só estabamos afiliadas da CUT e sen mediar ningún tipo de acción que xustificara a petición de documentación”. A policía procedeu a confiscar material persoal que levaban “mesmo o pano dunha compañeira embarazada”.

A responsábel da Secretaria Xeral das Mulleres da CUT indica a Sermos Galiza que o mesmo aconteceu na folga xeral convocada en 2018 por este sindicato xunto ao Sindicato Labrego Galego (SLG) e o Sindicato Ferroviario. O sindicato vén de presentar senllas demandas de recurso contencioso administrativo contra a imposición destas multas.