Récord de temperatura no mar: 24,5ºC no Atlántico e 20,2ºC nas Cíes

Praia de Rodas, nas illas Cíes. (Foto: Europa Press)
As anomalías térmicas poderían ser aínda maiores para as próximas dúas semanas

O episodio de altas temperaturas de finais de setembro e comezos de outubro afectou tamén ás augas que bañan a Galiza, que bateron récord con 24,5ºC rexistrados no Atlántico e 20,2ºC nas illas Cíes o día 4 de outubro, o que supón unha anomalía de ase 1ºC con respecto á media do período comprendido entre os anos 1982 e 2011.

Así o recolle o portal eltiempo.es que apunta ademais a que as anomalías térmicas poderían ser aínda maiores para as próximas dúas semanas, aínda que para a terza feira, 10 de outubro, agárdanse anomalías positivas en toda a costa da península ibérica. 

Unha das causas son as vagas de calor mariña que, segundo datos da Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA), se volveron máis frecuentes durante a última década. Estas prodúcense cando, durante cinco días consecutivos, as temperaturas da auga da superficie de mares e océanos mantéñense superiores ao habitual. 

13% menos de chuvias

Un estudo publicado pola entidade Oikos e que parte de análises realizadas polos principais científicos climáticos afirma que as precipitacións poderían caer 13% na Galiza a finais de século se se mantivesen as actuais políticas mundiais de descarbonización, mentres que as temperaturas poderían aumentar 1,3 graos centígrados para 2050.

Con todo, nun escenario de acción inmediata e ordenada que lograse alcanzar os obxectivos dos acordos de París, as choivas na Galiza aumentarían 0,4% para 2100, mentres que as temperaturas subirían 0,8ºC en 2050, segundo este traballo. 

O documento elaborado por Oikos tamén indica que o Estado español podería perder máis de catro puntos do Produto Interior Bruto (PIB) até 2050 se se mantiveran as actuais políticas mundiais relativas ao cambio climático.