Récord de contaxios nunha residencia pública con 61 positivos en Barbadás

Residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Carlos Castro / Europa Press)
57 maiores (44% do total) deron positivo nas últimas 24 horas na residencia de titularidade pública Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, que pasa a segunda, após a de Pereiro de Aguiar, en número de persoas afectadas pola Covid-19

A residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás rexistrou nas últimas 24 horas un total de 61 novos positivos por coronavirus: 57 maiores (44% do total) e catro traballadores. Este xeriátrico contaba até o sábado con seis empregados infectados e ningún ancián, pero agora o total de casos ascendeu a 67, o que supón o maior gromo nunha residencia de titularidade pública.

Ademais, rexistrouse un brote con outro nove positivos ─sete maiores e dous traballadores─ no centro Santa Olalla de Boqueixón, xunto a varios casos illados noutras nove instalacións.

Así consta nos datos emitidos este domingo pola Consellaría de Política Social, actualizados a última hora do sábado, nos que se inclúen un total de 261 usuarios con coronavirus en toda Galicia, 65 máis que no anterior parte. Con todo, a residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar continúa como o principal foco de COVID-19 con 91 positivos. En segundo lugar está agora a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, con 57 maiores contaxiados, mentres que a terceira é a de Salvaterra de Miño, con 43.

Con 17 casos de COVID-19 figura a residencia Ballesol de Oleiros, mentres que con 13 mantense a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei. A residencia de Viana do Bolo e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia contan con seis casos cada unha entre os seus usuarios.

Así mesmo, permanecen cinco anciáns con PCR positiva na residencia Val de Monterrrei, catro en Nosa Señora do Viso e tres en San José Hermanitas de Narón. Tanto a vivenda comunitaria Pepe Isa II de Entrimo como a Virgen Blanca de Ourense teñen dous casos cada unha e contan cun usuario afectado a Padre Rubinos da Coruña ─estréase na listaxe─, a Torrente Ballester da mesma cidade, a residencia Bibres de Cambre, a DomusVi Coruña e Las Salinas, de Ourense.

Persoal laboral

En canto aos traballadores e as traballadoras, o total de infectados por coronavirus subiu até os 151 tras detectarse 14 novos positivos nun día. En concreto, súmanse catro empregados de Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, tres na Ballesol de Oleiros, dous na Santa Olalla de Boqueixón e un caso en cada unha das seguintes: residencia La Luz de Sada, La Saleta de San Cristovo de Cea, Fogar residencial A Reitoral de Artes de Ribeira, San Cibrao de Cervo e a Albertia Lugo. Ademais, recibiu o alta un traballador do xeriátrico Ballesol de Oleiros.

O cadro co maior número de empregados afectados segue sendo a dos Gozos de Pereiro de Aguiar, cun total de 41; a de Ballesol, con 16; a DomusVi de Outeiro de Rei, con 11; e a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, con 10.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade na Galiza mantéñense con 17 usuarios con COVID-19: 16 na residencia DomusVi Bóveda e un na Ricardo Baró de Oleiros.

Ademais, hai 19 traballadores afectados nestes centros, tras incluírse dous novos empregados na residencia San Vicente de Paúl de Lugo e na Santa María de Ourense, respectivamente.

Así, son 14 os traballadores contaxiados na DomusVi Bóveda e un na Ricardo Baró de Oleiros, un na residencia de Aspanaes das Pontes, un en Juan Vidán Torres de Santiago, un en Santa María de Ourense e outro na residencia San Vicente Paúl de Lugo.