A reconversión educativa: feche de 239 centros de ensino en Galiza nunha década

Protesto contra o feche de centros. Imaxe: @orodil

Os tres concellos afectados polo último peche dos Centros Públicos Integrados (As Pontes, Ribadavia e O Porriño) acumulan 39 aulas eliminadas e 53 profesores suprimidos nese período, denuncia Esquerda Unida.

 “Galiza perdeu 239 centros educativos dende o ano 2005 e 1316 aulas deixaron de existir nunha hemorraxia que se cebou de xeito especial nos concellos do rural, onde iniciar e continuar estudos é xa, a día de hoxe, imposible”, afirma Ramón Vázquez, da Executiva de Esquerda Unida. Vázquez, canda José Cuenca, membro da área de Educación desta formación, sitúa o fechamento dos centros de ensino públicos integrados (CEIPs) no Porriño, As Pontes e Ribadavia fan parte dunha estratexia do PP para desmantelar o ensino no rural.

 

Os CIPs foron creados no ano 1999 co argumento de garantir unha axeitada oferta educativa do rural. “En 2005, Galiza contaba con 89 CIPs dos que tan só quedan 65 en funcionamento. O peche dunha cuarta parte dos CPI existentes é un ataque ao dereito á educación dos rapaces e rapazas do medio rural”.

 

“Tan só o Concello de As Pontes perdeu 15 aulas e 17 profesores e profesoras nos últimos 10 anos, o Concello de Ribadavia perdeu 10 aulas e 23 profesores e profesoras e, o de O Porriño, perdeu 14 aulas e 13 profesores no mesmo período”, explica Vázquez. En total, estes tres concellos suman unha perda de 39 aulas e 53 profesores e profesoras dende hai unha década.