Recoñecemento internacional para Froxán e a súa aposta polo bosque autóctono

Froxán. Imaxe de Columna San Fins

O proxecto de recuperación de 20 hectáreas neste lugar de Lousame foi elixido nun premio internacional entre 150 propostas de todo o mundo.

O proxecto de recuperación ambiental de 20 hectáreas de monte para bosque autóctono en Froxán resultou gañador do concurso internacional ‘European Ourtdoor Conservation Association’, no que participaron 150 proxectos de restauración ambiental de todo o mundo.  A comunidade de montes de Froxán e o colectivo Coluna Sanfíns son os responsábeis desta iniciativa, que repoboará con 10.000 árbores autóctonas un terreo antes ocupado por eucaliptos e outras especies exóticas invasora. Este galardón, financiado con 30.000 euros é un novo recoñecemento a un proxecto que ao longo destes meses foi quen de implicar a numerosas persoas.

 

Dos 150 proxectos presentados a este concurso, un comité de persoas expertas elixiu 13, denso o voto do público quen finalmente decidiu a proposta gañadora.

 

O monte de Froxán, xunto co de Santiago de Covelo, foron os primeiros de todo o Estado a seren declarados Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), unha figura respaldada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que pretende destacar o empeño e resultados en materia de conservación realizado por estes colectivos. De feito, o de Froxán é o primeiro territorio deste tipo a ser incorporado á Base de datos mundial de Áreas Protexidas despois de pasar por un proceso nacional de revisión.