Recomendan vacinar de gripe a todas as crianzas e da Covid a maiores e con patoloxías

Vacinación dunha persoa na Galiza. (Foto: Xunta)

A Covid-19 "veu para quedar" e encamíñase cara á fase de post-pandemia, segundo as persoas expertas

Persoas expertas en vacinas, dos campos da viroloxía e da pediatría, indicaron que este outono a vacinación da gripe e da Covid-19 non vai ser xeneralizada, pois ambas son "complementarias" aínda que teñen "pequenas diferenzas".

Así, por unha banda, fixéronse eco da recomendación de vacinar contra a gripe estacional a "todas" as crianzas de entre seis meses e cinco anos, ao ser o grupo de idade que máis padece esta infección. E, por outro, sinalaron que a vacina contra o coronavirus dirixirase só á "poboacións diana", aquelas que presentan factores de risco, como a idade ou patoloxías previas.

Así o explicou esta quinta feira en Santander Raúl Ortiz de Lejarazu, asesor científico e director emérito do Centro Nacional de Gripe de Valladolid, nunha rolda de prensa que ofreceu xunto aos pediatras David Moreno, coordinador do Programa de Vacinación Covid en Andalucía e asesor de vacinas da Asociación Española de Pediatría, e Ignacio Salamanca, coordinador da Unidade de Estudos e Investigación do Instituto Hispalense de Pediatría.

Os tres compareceron ante os medios con motivo da súa participación no 'IX Encontro de actualización e novas aproximacións en vacinas. Cambios nos programas de vacinación tras dous anos de pandemia Covid', que se imparte na Universidade Internacional Menéndez Pelayo.

O director do Centro de Gripe e do curso da UIMP apuntou que a Sociedade Española de Pediatría xa aconsellou vacinar a todas as crianzas o ano pasado, e destacou respecto diso a gratuidade desta próxima campaña.

Segundo remarcou, a diferenza da Covid-19, "a gripe mata moi poucas crianzas sans" pero dependendo da gravidade do virus e a afección que provoca, cada ano no Estado español falecen entre nove e catorce crianzas e adolescentes, sen que "a metade "deles teñan factores de risco ademais.

De aí, lembrou, a recomendación que neste sentido fixo hai xa máis dunha década a Organización Mundial da Saúde, pois a gripe (apostilou Salamanca) "non é unha enfermidade de maiores", e protexendo as crianzas faise o propio co resto da poboación.

E tras remarcar que a vacinación da gripe e da Covid-19 son "paralelas" pero non "iguais", Ortiz indicou que as doses contra o coronavirus están destinadas a persoas maiores e vulnerábeis, así como tamén a persoal sanitario, tal e como priorizou este ano a propia OMS. Isto último representa un "déficit" nun país "vacinador" como España, apostilou.

A Covid-19 veu para quedar toda a vida

En canto á pandemia en si, Ortiz sinalou que xa pasou a fase aguda da mesma e tamén a de post-pandemia precoz, polo que agora encamiñámonos cara á fase de post-pandemia, porque este virus "veu para quedar toda a nosa vida". E é que erradicar aqueles que afectan os seres humanos é "difícil".

Con todo, o seu prognóstico para dentro dunha década é que "probabelmente" estea máis adaptado á nosa especie, así como tamén ás vacinas, e a Covid-19 terá o seu "nicho de afectación", concluíu.