Recollida de sinaturas en Catoira para denunciar a falta de persoal no centro de saúde
A veciñanza da localidade fai 10 semanas de concentracións cada cuarta feira.
Veciñanza de Catoira (comarca de Caldas) volveu, unha cuarta feira máis, a concentrase no centro de saúde para denunciar a falta de persoal sanitario. Xa son 10 semanas de concentracións. Na desta cuarta feira, ademais, iniciaron unha recollida de sinaturas na defensa dunha “sanidade pública e de calidade” en Catoira.
A tal fin, instalaron tres mesas. A primeira, para presentar reclamacións ao Sergas pola falta de cobertura de prazas de sanidade na localidade. A segunda mesa era paran gravar testemuños de doentes e usuarios e a terceira era para a recollida de sinaturas.
Unhas firmas, sinala a propia Plataforma de sanidade pública de Catoira, “para pedir á xerencia que as baixas e vacacións das médicas e do pediatra sexan cubertas a tempo completo, pediatra todos os días e que a ambulancia medicalizada do Salnés volva de Sanxenxo [desprázana alí todos os veráns]”.
As sinaturas que se recollan estas semanas serán entregadas o vindeiro 3 de setembro no Hospital do Salnés.
“A médica Antía segue de baixa e non hai substitución, a médica María ten que ter ocos para os pacientes de Antía e se ten que facer reforzo noutro centro médico, ao día seguinte non acude a Catoira, co cal quedamos sen médicas”, denuncia a plataforma
“O pediatra David volve esta sexta feira das súas vacacións pero as dúas últimas semanas de agosto volve collelas e non se sabe si haberá substitución”, lamentan.