Recollida de sinaturas no Bierzo por unha modificación do estatuto galego que permita a súa integración na Galiza

(Foto: Nucha)

Campaña impulsada `polo movemento ‘A Quinta’, que defende que os 38 concellos da comarca berciana pasen ser unha provincia galega.

O movemento cidadá ‘A Quinta’ do Bierzo informa do inicio dunha campaña de recollida de sinaturas para demandar unha reforma do estatuto de autonomía galego que permita que, se así o deciden a maioría de bercianos e bercianas, esta comarca pase a facer parte de Galiza.

“As persoas asinantes desta solicitude, todas maiores de 16 anos e veciñas no, senten a necesidade de constituír como provincia os 38 Concellos que conforman a actual Comarca administrativa do Bierzo e a súa posterior incorporación á CAG (Comunidade Autónoma de Galicia) de acordo ao marco constitucional vixente. O vixente Estatuto da Comunidade de Castela e León na súa "Disposición adicional terceira. Segregación de enclaves ”, regula o procedemento para que os municipios ou agrupacións de municipios de Castela e León pasen a formar parte doutra comunidade autónoma. O Estatuto de autonomía de Galiza non fai ningunha referencia a posibles incorporacións á súa demarcación territorial, aínda que esta posibilidade si figuraba no Proxecto de estatuto elaborado en 1978”. Isto é o que se plasma nas follas de recollida de sinaturas.

“A campaña que iniciamos esta semana, con 3 meses de retraso por culpa da situación sanitaria, ten como obxectivo plasmar en demanda tanxíbel as simpatías existentes no conxunto da sociedade do Bierzo para converter a nosa Comarca na quinta provincia da Galiza”, manifesta o movemento nun comunicado.

Tamén ten como obxectivo, engaden, iniciar os contactos coas forzas políticas galegas presentes no Parlamento Galego.

“Entendemos que antes de lograr un acordo de modificación das fronteiras interiores de España no Congreso dos Deputados faise imprescindíbel que as dúas partes (O Bierzo e Galiza) teñan acordo explícito de apoio á demanda, xa que o Bierzo non debería converterse en provincia galega sen o acordo maioritario da sociedade do Bierzo e Galiza”