Recollen sinaturas para que o ensino inclúa as mulleres en todos os campos de coñecemento

Mileva Maric, cientista

A iniciativa partiu do alumnado do IES Ponte Caldelas. "Temos dereito a que se nos eduque na igualdade de xénero e na equidade de información", aseguran. 

Através da plataforma Change.org o estudantado do IES Ponte Caldelas está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas coa que reclaman á Consellaría de Educación introducir a Historia do Feminismo no currículo escolar así como as mulleres en todos os campos de coñecemento

No texto da súa petición aseguran que ao longo dos anos de formación, en total dez, "seguimos descoñecendo os seus nomes e as súas achegas" en referencia ás mulleres que deixaron pegada na historia. Eis, por exemplo, o caso de Mileva Maric, co-autora xunto con Einstein da teoría que deu lugar ao descubrimento das ondas gravitacionais mais cuxo nome foi ocultado ao longo da historia e mesmo no momento en que foi coñecido a descuberta. 

"Autores, citas, imaxes, mapas conceptuais, feitos históricos, sempre aluden ao home como representante da nosa especie"

"A Historia, a Filosofía, a Ciencia que se nos aprende no ensino obrigatorio é a dos varóns e faise extensiva ao relato da Humanidade. Autores, citas, imaxes, mapas conceptuais, feitos históricos, sempre aluden ao home como representante da nosa especie, desde o primeiro gráfico da evolución da Humanidade, nos libros de Ciencias Sociais de Primaria, ata as materias máis específicas que se cursan no nivel de Bacharelato", sinalan. 

"As mulleres sempre contribuíron ao progreso das ideas, das ciencias, da tecnoloxía e as artes en todas as épocas"

Porén, acrecentan, "nós sabemos que isto non é así: as mulleres sempre contribuíron ao progreso das ideas, das ciencias, da tecnoloxía e as artes en todas as épocas". Neste senso, achan que "existe  un grave desleixo na revisión dos programas académicos do ensino" ao se agochar a metade da Historia da Humanidade, tanto da que xa pasou, como da que está a suceder agora mesmo". 

"Secuéstrasenos parte fundamental do coñecemento da nosa especie, o que contribúe a que nos formemos nunha escala de valores que nos fai inexorablemente machistas", denuncian, polo que reclaman o seu "dereito a que se nos eduque na igualdade de xénero e na equidade de información". 

Neste senso, reclaman a incorporación da Historia do Feminismo ao ensino regrado e as mulleres a todos os campos de coñecemento para así poder "acceder a unha formación académica e intelectual acorde co retrato integral da nosa especie, no que mulleres e homes aparezan no mesmo plano de importancia", conclúen. 

A campaña leva xa perto de 400 sinaturas recollidas.