Reclusos da prisión da Lama inician protestas pola suspensión das visitas familiares

Imaxe no exterior da prisión da Lama. (Foto: Elena Buch)
A entidade De abaixo os muros denuncia esta "nova suspensión dos vises" que lles trasladaron achegados dos presos. Estes están a facer "días illados de folgas de fame como protesta".

A organización De Abaixo os muros, que se autodefine como coordinadora anti-represiva galega, vén de comunicar que parte dos reclusos do centro penitenciario da Lama comezou accións de protesta para reivindicar o seu dereito a ver ás familias.

A entidades tivo coñecemento por parte destas últimas de que houbo unha "nova suspensión dos vises familiares e íntimos, que nos últimos meses se viñan celebrando xa en condicións pésimas".

Ao respecto, aseguran que as visitas quedaran "reducidas a unha ao mes e coa obriga de ficar, con posterioridade, durante dez días en situación de illamento absoluto na cela" por seguridade dada a crise sanitaria.

"Agora a dirección do cárcere, presidido por Teresa Delgado, de forma absolutamente arbitraria, xa non encontra suficiente esta medida e suspende os vises nun entorno onde mais do 80% da poboación ten sido vacinada", critican os detidos a través De Abaixo os muros.

En consecuencia, comezaron a rexeitar en determinados días alimentos que lles ofrece a prisión e noutros, "illados", fan folga de fame.

Pola súa banda, ante o que consideran unha "inxustiza", as familias preguntan que condicións precisa a dirección para deixar "de abusar da pandemia para restrinxir de forma ilegal o dereito dos presos e das presas que alí se encontran e exixen explicacións para a aplicación desta nova suspensión, que consideran desmedida e que entenden que responde ao desprezo evidente" ás persoas illadas na infraestrutura.

"Como é posíbel, nos tempos que corren, que exista a posibilidade de facer unha PCR para acudir a un bar, e non para entrar con seguridade exercer un dereito tan necesario e humano como o de poder abrazar a un familiar?", pregúntanse tamén coa entidade como interlocutora, que traslada que teñen previstas actividades para apoiar a protesta interna.