Reclaman á Xunta unha maior dotación orzamentaria para atención á dependencia

Entrega das 14.000 sinaturas no Rexistro do Parlamento. Abaixo, protesta na rúa esta cuarta feira.
O colectivo de xubiladas e xubilados da CIG rexistrou no Parlamento 14.000 sinaturas en apoio dun maior gasto público para atender ás persoas dependentes. Fixeron chegar as súas demandas tanto ao presidente da Xunta como aos grupos parlamentares. Piden que esta reivindicación se teñan en conta nos próximos orzamentos.

“Os recursos de atención á dependencia son moi escasos e non chegan para atender ás necesidades da poboación”, di Susana Méndez, secretaria de Organización da CIG, que acompañou o colectivo de pensionistas do sindicato durante a entrega das sinaturas no rexistro. “A Organización da Mundial da Saúde recomenda dispor de 5 prazas de residencia para maiores por cada 100 habitantes; pois ben, na Galiza a ratio é de 3 por cada 100 maiores de 65 anos”, engade Méndez.

Malia chuvia, medio cento de persoas concentráronse a media mañá diante do Parlamento galego, acompañadas polas deputadas nacionalistas Montse Prado e Xosé Luís Rivas

Para as xubiladas e xubilados da CIG, un dos principais problemas da aplicación das normas sobre dependencia no país é a espera para as valoracións. “Hai perto de mil persoas que téndoa solicitado aínda non a recibiron. Detectamos esperas de ano e medio”, explica Susana Méndez. “Por riba, hai outras oito mil que xa teñen a valoración mais non recibiron ningún tipo de prestación e seguen tamén en espera”. 

Son as necesidade urxentes, apunta Méndez, que despois engade a escaseza de residencias e centros de día para atender as persoas maiores e lembra que Galiza está por baixo da ratio que recomenda a OMS. A sindicalista achega máis datos que dan conta da fraqueza das políticas públicas neste ámbito. 

Só 86 dos 313 concellos galegos contan cun centro de día público, cun total de 3.222 prazas. E sumando as prazas públicas e as de centros privados, fan un total de 8.000 prazas, cando o número de persoas dependentes na actualidade supera as 117.000.

O colectivo anuncia unha nova campaña de mobilizacións en defensa das pensións e por unha suba xusta con respecto do IPC.