Velaluz reclama visibilidade e axudas para as crianzas en situación de violencia machista

Martina Gómez e Gloria Vázquez na comparecencia pública diante do Pazo do Hórreo [Imaxes Irene Pin]

Denuncia a "desprotección" e "invisibilidade" de menores pondo como exemplo o caso de Ana Gómez, asasinada en Becerreá no mes de febreiro. 

Representantes da Asociación Velaluz compareceron publicamente esta segunda feira (4 de xullo) perante o Parlamento de Galiza coincidindo co desenvolvemento da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego na que se debatía a Proposición de lei pola que se crea e regula unha prestación económica de carácter periódico para as mulleres que sobren violencia de xénero. Unha iniciativa presentada polo BNG e que visa ampliar o denominado salario da liberdade para que poida ser solicitado durante todo o ano. 

A presidenta de Velaluz, Gloria Vázquez, criticou que non se teña modificado a Lei para o tratamento integral da violencia contra as mulleres aprobada na Galiza en 2007 co obxectivo de "non seguir perpetuando as carencias do sistema e ofrecer unha saída digna" para as mulleres en situación de violencia machista e acusou o goberno galego de estar a facer unha "pantomima". 

"Os trámites exixidos para percibir [as axudas de] orfandade e viudedade poucas veces se dan"

Neste senso, desde Velaluz reclaman "as mesmas axudas ás vítimas de violencia machista que as das vítimas de terrorismo" após denunciar que crianzas ou outros familiares das mulleres asasinadas fican excluídos das mesmas. Así, Gloria Vázquez asegurou que "os trámites exixidos para percibir [as axudas de] orfandade e viudedade poucas veces se dan". Como exemplo, lembrou os casos acontecidos en 2010 cando José Luis Deus queimou viva a súa crianza de 14 meses en Paderne durante o réxime de visitas como un acto contra a súa ex-compañeira da que estaba separado. Tamén así, recordou as dúas nenas asasinadas polo seu pai en Moraña, Amaia e Candela, en 2015. "Recibiron axuda psicolóxica mais non económica" as súas nais, sinalou para subliñar que na Galiza ficaron "máis dun cento de menores orfos" pola violencia machista. 

Vázquez estivo acompañada durante a comparecencia de imprensa por Martina Gómez, irmá de Ana Gómez asasinada o 11 de febreiro de 2016 en Becerreá --o primeiro asasinato machista de 2016 na Galiza. 

Sen asistencia psicolóxica 48h

Martina Gómez describiu o seu caso após quedar ao seu cargo os dous sobriños. "Nas primeiras 48 horas tiven que comunicarlles a morte da miña irmá sen compaña dun psicólogo ou especialista, vímonos arrastrados por un sistema que sen representación xurídica tomaba aos menores declaración". A partir "desas 48 horas de abandono total, activaron un grupo de emerxencia psicolóxica a quen só podo dedicarlle palabras de agradecemento". Esa axuda psicolóxica "derivou" en días seguintes "en dous packs de cinco sesións de recuperación íntegra do vivido, incríbel mais certo", apuntou. 

"O goberno autonómico fala de recoñecemento dos menores mediante unhas axudas que nunca chegan e coas que enviarán as familias ás ringleiras de bonos sociais"

Gómez denuncia non ter recibido asistencia nen apoio, tampouco económico, para solicitar axudas e mesmo a tutela dos dous menores. Unha travesía pola que carrexou "débedas", asegurou. "O goberno autonómico fala de recoñecemento dos menores mediante unhas axudas que nunca chegan e coas que enviarán as familias ás ringleiras de bonos sociais", acrecentou. Para alén, dixo, de que en moitos casos as situacións vitais non se axustan aos requirimentos recollidos na lexislación de violencia machista para percibir unha orfandade. 

Neste senso, fóronlles concedidos por parte do Concello de Becerreá "bonos sociais por un máximo de 700 euros, por parte do estado 215 euros de orfandade que foi aprobada mais non cobrada nos últimos días, automáticas 5+5 terápias psicolóxicas". Pide que a Xunta "recapacite" e "recoñeza os menores" e tamén as "nais ás que lles asasinaron os seus fillos dentro dun marco da violencia de xénero" para todas as axudas que procuren protección e axuda, ao tempo que "free a revitimización" que devén de ter que "repetir unha e outra vez o sucedido". 

Así mesmo, Martina Gómez denunciou que súa irmá solicitara axuda até en tres ocasións a persoas diferentes antes de ser asasinada. "Hoxe en día pregúntome, coñecendo as últimas horas de Ana, e se esas supostas profesionais que a día de hoxe continúan a traballar se tivesen implicado, miña irmá quizais estivese viva". "Só me queda a esperanza de que a xustiza", no concreto a Fiscalía de Lugo e a xuíza instrutora, "senten no banco as/os responsábeis". 

"Hoxe en día pregúntome, coñecendo as últimas horas de Ana, e se esas supostas profesionais que a día de hoxe continúan a traballar se tivesen implicado, miña irmá quizais estivese viva"

Ana Gómez acudiu antes de ser asasinada aos servizos sociais do Concello de Becerreá e máis á Casa da Muller de Lugo, a esta última o mesmo día do asasinato. Segundo relatou a súa irmá, aconselláronlle que fose deixando a vivenda onde residía co agresor aos poucos ao tempo que, en última instancia, lle pedise o divorcio. Martina Gómez asegurou que a súa irmá fixo o que lle pediron razón pola que foi ao domicilio o día en que foi asasinada. 

Neste senso, en febreiro de 2016 a asociación Sí hai saída de Lugo xa instou publicamente a Fiscalía a iniciar unha investigación arredor do caso de Ana Gómez Nieto arredor do proceder da Casa da Muller de Lugo. "Non imos contra ninguén", subliñaba Marta Rodríguez Engroba, presidenta de Sí hai saída, "só queremos que se investigue para que isto non volva acontecer porque falamos de vidas humanas" e "quizais podería terse evitado" o asasinato. 

A xuíza chamou a declarar a traballadora social no marco do proceso xudicial que aínda continúa aberto.