Reclaman recoñecer o 12 de xaneiro 'Día da Morte Digna'

Concentración de DMD na praza do Obradoiro, en Compostela (Foto: Arxina).
25 anos do falecemento de Ramón Sampedro.

No 25 aniversario da morte de Ramón Sampedro, referente mundial da morte digna, a asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) convocou un acto na praza do Obradoiro, en Compostela, para reclamar a oficialidade do 12 de xaneiro, como día da morte digna.

"O 12 de xaneiro é o Día da Morte Digna na Galiza. Estamos aquí reivindicando a súainstitucionalización. Ha de ser a data que nos convoque a todas e todos: para coñecer como se está a morrer, para reivindicar o necesario para a dignificación e o coidado das persoas nesa etapa, para defender os dereitos conquistados, para lograr que o morrer das persoas sexa unha cuestión de interese xeral e de compromiso de acción das Institucións Públicas".

Segundo resaltaron durante a lectura do manifesto "o 12 de xaneiro ha de ser unha data para o recordo, o recoñecemento, o respecto, a xustiza, a loita, a solidariedade e o compromiso de acción das Administracións Públicas coa dignificación da morte". 

Neste sentido chaman a facer do 12 de xaneiro unha data para a defensa e dignificación da morte, é dicir, o dereito das persoas a decidir como morrer e a ser respectadas e axudadas nas súas escollas, a recibir as atencións sanitarias e sociais necesarias e a sentirse acompañadas polas persoas que elixan da súa vida.

Lei da eutanasia

A asociación Dereito a Morrer Dignamente lembrou onte no Obradoiro as homenaxes previas a Sampedro na praia das Furnas, ateigadas sempre de familiares, persoas amigas e que o coñeceron, "ou que tan só souberon da súa vida e do seu pensamento" para lle agradecer "a súa xenerosa contribución á liberdade de todas as persoas".

O seu legado é a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia,  vixente desde hai máis dun ano. "Foi un progreso indiscutíbel nos dereitos fundamentais das persoas, impensábel sen a loita de Ramón Sampedro e todos e todas quen coma el fixeron da súa última solicitude de xustiza, da súa última reclamación de liberdade para decidir, da súa última solicitude de axuda, un acto que nos fixo avanzar na dignificación do morrer".

Con ese dereito conquistado, DMD chama a desbotar o "temor" co que sempre "se nos fixo sentir" a morte, na que "só cabería esperar pena e dor. E non ha de ser así", concluíron.