Sanidade pública

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda apoia a manifestación convocada para o 4 de febreiro

Centro de saúde da Guarda (O Baixo Miño). (Foto: Nós Diario)
Reclaman unha ambulancia medicalizada para A Guarda.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda (Baixo Miño) recalcou esta sexta feira a súa demanda de incrementar as ambulancias da comarca, así como de dotala dunha ambulancia medicalizada. Ademais, desde o colectivo sinalan a necesidade de incorporar un segundo equipo médico para o Punto de Atención Continuada (PAC) da vila e critican a non cobertura de dúas vacantes no Centro de Saúde, "unha das cales hai máis de dous meses que non ten persoal médico asignado".

Así o trasladan nun comunicado no que tamén chaman a veciñanza da Guarda a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o próximo domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela. Unha mobilización na que buscan visibilizar "a situación de deterioración permanente do sistema sanitario público galego". 

Para a plataforma guardesa, esta deterioración "está provocada polas políticas de recortes e privatizacións dos Gobernos do Partido Popular na Xunta da Galiza nos últimos anos". 

"Pola sanidade que queremos e merecemos!"

O colectivo SOS Sanidade Pública –do que forman parte plataformas sanitarias, organizacións sindicais, partidos políticos e outras entidades da sociedade galega– convocou na quinta feira unha mobilización nas rúas da capital galega. A protesta busca denunciar o "desmantelamento" do sistema público de saúde galego, algo que atribúen ao Goberno que preside Alfonso Rueda, que desenvolveu "durante anos" unha política de "recortes serios" que "deterioraron progresivamente os servizos".