O recanto máxico da Limia

[Imaxe: Cedida]

Falar do entroido de Xinzo de Limia é falar “do resumo social da vila”. Así o asegura Iván Prado, natural de Xinzo e coordinador do Museo Galego do Entroido, situado na vila limiá. Cun mes enteiro de celebracións “e preparacións interentroido”, o entroido de Xinzo é o máis longo de Europa.

“Un sentimento”. Así definen Iván Prado e os seus paisanos o entroido de Xinzo. “De aí vén o lema #unsentimento, idea do deseñador limiao Manuel Formoso e moi popularizado nas redes sociais desde hai catro anos. A poboación vive por e para o entroido, que este ano comezou o día 20 de xaneiro e remata o 18 deste mes, pero é un ano enteiro pensando que brincadeira ou que sátira facer”, explica Prado.

 

O coordinador do Museo Galego do Entroido destaca da festa limiá a presenza de todas as xornadas características na Galiza: domingo fareleiro, domingo oleiro, domingo do corredoiro, enterro da sardiña e domingo de piñata. “Xinzo conseguiu manter todos os días característicos do entroido galego. O máis desaparecido noutros lugares é o domingo de piñata, que era o peor visto pola Igrexa, pois xa eran tempos de coresma e considerábase que había que estar máis tranquilo. Actualmente converteuse nun día onde destacan os xogos para crianzas, un día moito máis livián socialmente e con menos esaxeración e sátira que o resto do entroido”, afirma.

 

Como ocorre noutros entroidos galegos, a súa orixe é inexacta. “Esta festa bebe de distintos ritos e culturas medievais e cristiás, mesmo romanas e prerromanas. Tal e como o coñecemos hoxe, o entroido comeza a celebrarse no medievo como unha forma de contraposición á Semana Santa e á coresma, entendida como un momento de recato e recollemento do ser humano”, engade Prado.

 

Entendido como un símbolo de liberación e excitación, o entroido foi prohibido durante anos por motivos políticos e eclesiásticos, sobre todo na posguerra. “Afortunadamente, en Xinzo non tivemos ese problema. Minorouse un pouco, mais non chegou a desaparecer como noutros pobos”, asegura.

 

A figura principal do entroido de Xinzo de Limia é a pantalla, da que destaca fundamentalmente a máscara

 

A figura principal do entroido de Xinzo de Limia é a pantalla. O traxe, que destaca fundamentalmente pola súa máscara, está composto por camisa e calzóns brancos, polainas negras de pana ou veludo, unha faixa normalmente vermella envolta nun cinto de campás -antigamente empregadas para o gando-, e unha capa, que adoita ser tamén vermella e que leva pendurados lazos de distintas cores.

 

“As pantallas son máscaras de apertura. Así lles chamamos á maioría dos traxes do sur de Ourense, cuxa función principal é abrir paso entre a multitude, como ocorre, por exemplo, cos cigarróns”, salienta Prado, “en todos estes personaxes destacan as máscaras, as campás, as chocas e algún obxecto na man. Todos son moi similares na forma de actuar e de relacionarse coa xente”.

 

Para Prado, o máis primitivo das pantallas son as vexigas: “son empregadas para bourear e facer barullo, abrindo paso entre a multitude. Están feitas con vexigas de vaca que, unha vez secas, son inchadas con aire”.

 

No entroido de Xinzo destaca tamén o capuchón, un personaxe case perdido e que están tratando de recuperar. “O capuchón é un disfrace baseado nunha túnica negra enteira até os pés, con capucha e un anteface que tapa o rostro. A diferenza do resto de traxes, o capuchón non simboliza nada, senón que busca a perda da identidade. Poderíase dicir que é o antidisfrace. É un traxe case aséptico e ten moita importancia a nivel de enmascaramento e do estudo que podemos facer del”, agrega Prado.

 

Salientábel é tamén a figura do Meco, “un boneco que representa unha persoa famosa, escarniada cos órganos reprodutores esaxerados”, explica. Dedicado no pasado entroido a Donald Trump, este ano o Meco está representado polo president catalán Carles Puigdemont, que será o encargado de vixiar as festas desde a Praza Maior da vila.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]