“Rebentáronlle a cara”: Denuncian na Coruña unha nova agresión homófoba

O caso está sendo investigado pola Policía. A vítima, un brasileiro residente na cidade coruñesa.

Un mozo brasileiro que leva pouco tempo vivindo na Coruña denunciou unha agresión na zona de Santa Margarita e vinculou a malleira á “homofobia”.

O caso está en mans da Policía española que, indican desde Europa Press, investiga se a agresión ocorrida na madrugada do pasado 13 de novembro e que se denunciou o día 17, "ten características  homófobas ou non".

Os feitos, segundo fontes consultadas por E.P, producíronse no portal da vivenda onde reside o mozo, que leva pouco tempo vivindo na Coruña.

En concreto, do pouco que lembra do sucedido, segundo apuntaron, o autor da agresión "chamou ao portal e el pensou que quería ligar e accedeu a camiñar" con el. Ademais, precisaron que no traxecto é onde se produciu a agresión.

"Rebentáronlle a cara e non lle roubaron", dixeron tras poder falar coa contorna da vítima

"Rebentáronlle a cara e non lle roubaron", dixeron tras poder falar coa contorna da vítima e sobre uns feitos que tiveron lugar na zona de Santa Margarita.

Tamén confirmaron que o agredido, que se recupera das lesións, xa presentou denuncia, extremo tamén ratificado pola Policía española.

"Investígase se esta agresión ten características  homófobas ou non", sinalaron desde o corpo policial a E.P., e engadiron que a estas alturas aínda  "non hai ningún indicio sobre a persoa que puido ser o autor dos feitos". "Nin investigado, nin sospeitoso", engadiron.

A principios deste mes de novembro, segundo informaron fontes policiais, un home foi agredido e insultado a causa da súa orientación sexual. Os feitos ocorreron contra as 1.30 horas, cando o agredido, o artista Alberte Bello, se dirixía á súa residencia no Berbés. Entón un home abordouno e pediulle lume e, malia explicarlle que non levaba nin chisqueiro nin tabaco, comezou a agredilo ao berro de "maricón de merda".